PonteXogos chega a Pontevedra cun tren de Nadal e obradoiros creativos nas parroquias

As actividades desenvolveranse entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro. Instalarase unha carpa informativa e un photocall na Praza de España
Presentación de PonteXogos. PSOE PONTEVEDRA
photo_camera Presentación de PonteXogos. PSOE PONTEVEDRA

Un tren de Nadal, obradoiros creativos de decoración en diferentes parroquias e unha canle específica de televisión –PonteXogos TV– son algunhas das principais novidades do programa municipal PonteXogos 2020-2021, impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers. A iniciativa, presentada este luns pola edil Yoya Blanco, desenvolverase entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro e inclúe a instalación dunha carpa informativa e un photocall na Praza de España, a celebración de roteiros fotográficos coa implicación do comercio local e a apertura da oficina postal de Papá Noel e os Reis Magos na Praza do Teucro.

A edil socialista, que estivo acompañada polos coordinadores do programa, Leticia García e David Álvarez, asegurou que "a dispersión das actividades e decorados por diferentes zonas da cidade e parroquias" é unha das claves da campaña de Nadal deste ano, "e por suposto tamén de Ponte Xogos, o que garante que, cun pouco de sentidiño, non existan aglomeracións de xente e se poida desfrutar de todas elas en condicións de seguridade". Segundo indicou, PonteXogos estará en San Andrés de Xeve cun taller da bola de cristal de Nadal o sábado 19 de decembro, en Cerponzóns o sábado 26 de decembro cun de bonecos de neve e en Ponte Sampaio o sábado 2 de xaneiro cun de creación de marionetas –16:00 a 19:00 horas–. "Esta oferta de fin de semana podería ampliarse a outras parroquias", avanzou Blanco.

A carpa informativa sobre as actividades infantís do programa e o photocall de PonteXogos estarán abertos tódolos días na Praza de España –con excepción do 25 de decembro e o 1 de xaneiro– de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, o mesmo horario que terá a oficina postal que atenderán na Praza do Teucro os axudantes de Papá Noel e os Reis Magos para asegurarse de que todas as cartas cheguen ao seu destino.

Tal e como sinalou Yoya Blanco, o tren turístico que percorrerá a cidade este Nadal terá saída desde a Praza de España, tamén en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, e poderá empregarse de balde "presentando na carpa informativa un tícket de compra realizada no comercio local para trocalo polo correspondente billete".

PONTEXOGOS TV. David Álvarez destacou que "PonteXogos chegará este Nadal aos fogares en formato virtual, a través dos episodios diarios de PonteXogos TV, un programa de entretemento infantil que os máis pequenos poderán seguir dende as súas casas e que incluirá obradoiros de cociña, ciencia, manualidades, espectáculos de maxia e moitas outras sorpresas".

Pola súa banda, Leticia García precisou que a sección Pontepedia da canle de televisión do programa sairá á rúa con dous roteiros que terán a Praza de España como punto de partida, no que está implicado o comercio local e no que "os rapaces poderán participar co seu teléfono móbil ou cámara de fotos nun reto fotográfico, percorrendo diferentes puntos da cidade mediante pistas e vídeos que se poderán visualizar a través dun enlace con código QR, e que terá como agasallo unha mochila do programa".

NADAL SOBRE RODAS.  A concelleira de Promoción Económica aclarou que PonteXogos contempla ademais na súa programación a actividade Nadal sobre Rodas, un circuíto vial para coñecer os diferentes sinais de tráfico con bicicleta, patinete ou patíns, "que só se celebrará sempre e cando o permitan as restricións derivadas da situación sanitaria".

"Do mesmo xeito, está previsto o obradoiro Xunqueiraventura, un taller fotográfico que tamén dependerá das medidas sanitarias impostas e que na os nenos deberán coller a súa bicicleta e descifrar as pistas que lles leven a completar todo o roteiro", matizou Yoya Blanco.

Leticia García afirmou que a información sobre tódalas actividades que se van levar a cabo estarán dispoñibles nas redes sociais de PonteXogos e que "nos vindeiros días iranse revelando algunhas sorpresas en torno ás mesmas", mentres que David Álvarez apuntou que PonteXogos TV "está pensada para que os nenos e nenas que normalmente estarían na carpa, como noutros anos anteriores, poidan desfrutar desas mesmas actividades dende a casa, coa seguridade dos seus pais, evitando posibles aglomeracións de xente e cun formato dixital cunha cantidade incrible de contido". "As actividades de exterior vanse facer en grupos pequenos e con tódalas medidas de seguridade, apelando tamén ao sentido común da cidadanía", asegurou Álvarez. 

Comentarios