Ponte Xogos traerá o Polo Norte ata Pontevedra cunha carpa iglú e unha tirolina

Yoya Blanco presentou a programación completa. GONZALO GARCÍA - Ponte Xogos
photo_camera Yoya Blanco presentou a programación completa. GONZALO GARCÍA

Un calendario de actividades ambientado no Polo Norte, cunha carpa iglú de 450 metros cadrados na Praza de España, unha tirolina ártica de 150 metros con luces na Alameda e foodtrucks e obradoiros itinerantes nos barrios de Monte Porreiro, Pontevedra Leste e O Burgo. Esta é a atractiva proposta de lecer infantil que a Concellería de Promoción Económica, dirixida pola socialista Yoya Blanco, traerá a Pontevedra durante as festas de Nadal a través de Ponte Xogos 2019.

A carpa iglú será inaugurada o 20 de decembro ás 16.30 horas e permanecerá aberta ata o 3 de xaneiro de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

Entre as actividades organizadas inclúese un espazo de interacción entre pais, nais e fillos de 0 a 3 anos que conta cunha piscina de bolas; e o pobo esquimal, composto por un iglú inchable no que se desenvolverán obradoiros para rapaces de entre 4 e 9 anos.

Tamén haberá un espazo de pesca inuit para pequenos de entre 3 e 12 anos e un gran iceberg, un tobogán xigante inchable de cinco metros de altura para nenos de 4 a 12 anos dende o que os participantes caerán nunha piscina de bolas. Na actividade Expedición Polar a rapazada de entre 5 e 12 anos desenvolverá obradoiros sobre o Polo Norte e sobre como salvalo e haberá dúas actuacións especiais: unha de maxia e outra de contacontos. Outro dos atractivos será a tirolina ártica de 150 metros destinada a rapaces de entre 5 e 14 anos (sempre e cando o arnés se axuste correctamente), que permanecerá aberta entre o 20 de decembro e o 3 de xaneiro.

Tamén nos barrios
O programa de lecer trasladarase o 21 de decembro, entre as 16.00 e as 20.00 horas, á zona de Pontevedra Leste: os obradoiros e foodtrucks instalaranse na pasarela da rúa 12 de Novembro ou no Centro Sociocultural no caso de choiva.

O sábado 28 levaranse a Monte Porreiro no mesmo horario (se chove faranse no Centro Sociocultural) e o domingo 29 estarán no Burgo (na Praza de Pasarón ou no Centro Sociocultural de Lérez).

A entrada ás actividades será de balde presentando tickets de compra de establecementos pontevedreses.