Ponteandadas anima á cidadanía a coñecer os tesouros das nosas parroquias

A nova edición do programa propón oito rutas entre maio e novembro. O programa contempla roteiros de entre 10 e 14 kilómetros
Tino Fernández e Juan Romero na presentación do programa Ponteandadas 2022. DP
photo_camera Tino Fernández e Juan Romero na presentación do programa Ponteandadas 2022. DP

Coincidindo coa chegada do bo tempo, o programa A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes e Saúde, tamén regresa cun dos seus proxectos estrela: o circuíto de rutas saudables Ponteandadas 2022, que un ano máis pretende fomentar a actividade física e, ao mesmo tempo, o coñecemento de espazos do noso contorno que destacan polo seu alto valor paisaxístico, cultural e patrimonial.

A iniciativa, baixo a dirección técnica da firma especializada Naturgaliza Club, traducirase na celebración de oito andainas que percorrerán diversas parroquias de Pontevedra entre os meses de maio e novembro.

O calendario de camiñadas estrearase o vindeiro domingo 22 de maio cunha Ponteandada do Camiño de Santiago, desenvolvéndose posteriormente unha Ponteandada Natural por Xeve-Verducido (5 de xuño), a Ponteandada Cabanas Prehistóricas por Lourizán-Salcedo (26 de xuño), a Ponteandada do Río Verdugo por Ponte Sampaio (10 de xullo), a dos Canteiros por Mourente-Tomeza (11 de setembro), o itineario nocturno dos Fachos (1 de outubro), a Ponteandada do Magosto por Lérez-Alba (23 de outubro) e unha Ponteandada Solidaria por O Burgo-Campañó (6 de novembro).

Este atractivo programa de roteiros foi presentado este luns no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e mailo presidente de Naturgaliza Club, Juan Romero, quen sinalou que "as inscricións ás andainas xa poden realizarse, enviando, ata as 00:00 horas do mércores previo á celebración da camiñada, unha mensaxe cos datos persoais ao email [email protected] ou ao teléfono 625 482 636: nome completo, DNI, data de nacemento, dirección de correo electrónico e teléfono de contacto (tamén se poderá efectuar de xeito presencial na tenda Naturcamiña, no número 3 das Galerías Peregrina)".

O número máximo de participantes por andaina será de 300 persoas, levándose un rigoroso orde de inscrición ata completar dito cupo, e poderán participar nas mesmas tódalas persoas maiores de 12 anos que declaren estar en boas condicións físicas e de saúde para a realización desta actividade. Os menores de idade irán sempre acompañados por un adulto responsable, previa autorización paterna por escrito.

Tal e como subliñou Tino Fernández, "o programa Ponteandadas é unha das iniciativas máis exitosas e con maior demanda e asistencia de xente das que se organizan no marco de A Vida é Movernos, incluíndo entre os seus obxectivos o de potenciar a adopción de comportamentos proambientais, promovendo a participación cidadá na prevención e na resolución dos problemas ambientais".

"Neste sentido -precisou o tenente de alcalde-, durante tódalas rutas irase desenvolvendo un labor activo de recollida de lixo, coa colaboración dos participantes, facendo unha selección que facilite a reciclaxe dos restos".

Os roteiros, artellados en torno á pioneira rede MetroSán (con máis de 120 kilómetros de itinerarios accesibles para tódalas idades e condicións), terán unha lonxitude de entre 10 e 14 kilómetros.

Calendario do Ponteandadas 2022
Ruta 1: Ponteandada do Camiño de Santiago. Domingo 22 de maio. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: Praza de España. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3 horas.
Ruta 2: Ponteandada Natural (Xeve-Verducido). Domingo 5 de xuño. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: igrexa de Santa María de Xeve. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 2,5 horas.
Ruta 3: Ponteandada Cabanas Prehistóricas (Lourizán-Salcedo). Domingo 26 de Xuño. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: Complexo Deportivo Rías do Sur (Pontemuíños). Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3 horas.
Ruta 4: Ponteandada do Río Verdugo (Ponte Sampaio). Domingo 10 de xullo. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: ponte medieval de Ponte Sampaio. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3,5 horas.
Ruta 5: Ponteandada dos Canteiros (Mourente-Tomeza). Domingo 11 de setembro. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: igrexa de Bora. Percorrido circular de dificultade baixa e duración estimada de 3 horas.
Ruta 6: Ponteandada dos Fachos (nocturna). Sábado 1 de outubro. Saída ás 20:00 horas. Punto de encontro: Praza de España. Percorrido circular de dificultade baixa e duración estimada de 2 horas.
Ruta 7: Ponteandada do Magosto (Lérez-Alba). Domingo 23 de outubro. Saída ás 10:00 horas desde a Illa das Esculturas. Percorrido circular de dificultade media e unha duración estimada de 3 horas. Esta camiñada incluirá a celebración dun magosto ao remate da ruta, coincidindo co inicio do outono.
Ruta 8: Ponteandada Solidaria (O Burgo-Campañó). Domingo 6 de novembro. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: ponte do Burgo. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3 horas. Neste roteiro solicitarase aos participantes unha doazón en forma de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos de Pontevedra.