Ponteandadas regresa este domingo cunha camiñada pola contorna do río Lérez

O programa incluirá roteiros contemplados dentro da rede MetroSán, con percorridos polo río dos Gafos, os parques forestais da Tomba e A Fracha e o encoro do Pontillón do Castro
Presentación de Ponteandadas. DP
photo_camera Presentación de Ponteandadas. DP

Despois de que a evolución da pandemia obrigase a adiar ata en dúas ocasións as datas que estaban previstas para o inicio dos roteiros, o programa Ponteandadas porase finalmente en marcha este domingo cunha proposta de itinerarios que convida á cidadanía a "estirar as pernas" e a "perderse polos fermosos contornos naturais das nosas parroquias".

“Tras esta longa agarda, chega no mellor momento posible, xusto cando parece que a covid por fin comeza a remitir e pouco a pouco volvemos tomar as rúas e a natureza coa celebración de eventos e actividades deportivas e de exercicio físico", apuntou este xoves o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación das rutas,

Nun acto no que estivo acompañado por Juan Romero, coordinador dos roteiros, e Javier Piñeiro, director técnico do programa –ambos os dous membros do club de sendeirismo Naturgaliza–, Fernández indicou que "evidentemente a actividade desenvolverase en base a un estrito protocolo anti covid, con grupos dun máximo de 20 participantes, recepción dos asistentes nun circuíto valado e medidas de prevención (xel desinfectante, luvas…), mascarilla obrigatoria, distancia mínima de dous metros e a necesidade de respectar as indicacións dos monitores, de non adiantalos e de manterse sempre no mesmo grupo".

"Abriranse as inscricións a un máximo de 200 participantes por ruta, tódolos percorridos serán de  carácter circular, terán unha distancia aproximada de 10 kilómetros e celebraranse os domingos pola mañá a partir das 10:00 horas ata o 21 de novembro, incluído.

"A ruta estará marcada e indicada con frechas amarelas, contará con monitores titulados e servizo de ambulancia. O avituallamento será unicamente líquido e os participantes disporán de seguro de accidentes", explicou o edil do PSOE.

Segundo apuntou o tenente de alcalde, Ponteandadas 2021 inaugurase este domingo 19 de setembro cunha camiñada que discorrerá polo contorno do río Lérez, con saída do Miradoiro de Monte Porreiro ás 10:00 horas e percorrendo as parroquias de Bora e Mourente".
 

As datas e puntos de encontro das rutas de Ponteandadas son os seguintes:
19 de setembro:  Bora / Mourente (volta a o Lérez). Saída: 10:00 horas, do Miradoiro de Monte Porreiro

10 de outubro: Salcedo / Cabanas (polo río dos Gafos). Saída: 10:00 horas, da explanada do Gremio de Mareantes

24 de outubro:  Parque forestal da Fracha. Saída: 10:00 horas, da área recreativa da Fracha

7 de novembro: Encoro do Pontillón do Castro. Saída: 10:00 horas, desde as pistas de piragüismo

21 de novembro: Parque forestal da Tomba. Saída: 10:00 horas, da praza de San Pedro de Campaño (fronte ao Hotel Rural Campaniola)

Comentarios