Pontedetapas: 55 locais e 73 elaboracións para repartir en 17 días

O certame chega á súa décimo primeira edición

Os hosteleiros arrouparon a Gulías na presentación. C.G.
photo_camera Os hosteleiros arrouparon a Gulías na presentación. C.G.

Cincuenta e cinco locais e 73 elaboracións (34 tapas tradicionais, 25 creativas e 14 cócteles. Son as cifras de Pontedetapas, o certame máis suculento de Pontevedra, que chega á súa decimo primeira edición.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, acompañada de varios restauradores e hostaleiros da Boa Vila, presentou este luns o evento, que terá lugar entre este venres, día 2, e o 18 de novembro. Pontedetapas "ten unha traxectoria moi importante, é un evento que fomos construíndo entre todas e todos e temos que dicir que cada ano sobe o nivel de implicación do sector e tamén a calidade do que ofrecemos, da tapa e do cóctel", dixo Gulías, quen subliñou que "tanto é o nivel que durante dous anos consecutivos a Tapa Pontevedra escollida no Pontedetapas foi escollida a Mellor tapa de Galicia".

O público terá 17 días –incluídas tres fins de semana– para degustar o mellor da gastronomía local en pequenos bocados e a prezos reducidos: dous euros por tapa e tres euros por cóctel. Igual que en anteriores edicións, a votación popular decidirá a Tapa Pontevedra. O vencedor deste premio representará á cidade no certame De Tapas por Galicia.

O local gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira Etiqueta Negra. Á súa vez, un xurado profesional probará de incógnito as propostas previamente seleccionadas polo profesorado do CIFP Carlos Oroza e escollerá os mellores de cada categoría.

Pontedetapas conta por primeira vez co patrocinio de Mahou, que outorgará un premio á Mellor maridaxe.

O público tamén terá a súa recompensa, xa que votando unha vez por cada tapa ou cóctel degustado, ben sexa en urna –neste caso elixirao unha "man inocente"– ou a través da app –neste caso, por sorteo–, ten a posibilidade de gañar un dos dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio ou na hostalería local.

Finalmente, volverase editar o Pasaporte Pontedetapas, que garante un regalo seguro: unha cea para dúas persoas valorada en 60 euros, a escoller entre todos os establecementos participantes no concurso, para os dez primeiros consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na Casa da Luz antes do vindeiro 30 de novembro.

Comentarios