PonteLovers adía ao mes de decembro a exposición fotográfica do 'Atende ao Teu'

A actual situación sanitaria deixa no aire a mostra, aínda sen data para a súa instalación
Cartel do concrurso fotográfico de 'Atende ao teu'.DP
photo_camera Cartel do concrurso fotográfico de 'Atende ao teu'.DP

Unha mostra de fotografía infantil no Mercado de Abastos debía poñerlle este mes a guinda ao programa municipal Atende ao Teu, impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers para promover os valores do comercio de proximidade de Pontevedra. As restricións derivadas da complicada situación sanitaria levaron á edil socialista Yoya Blanco a adiar ao mes de decembro, “sen unha data concreta polo momento”, esta exposición, que ía amosar as mellores imaxes captadas por grupos de nenos de entre 8 e 12 anos en diferentes establecementos de Pontevedra. “Agora mesmo -entende Blanco- non se dan as condicións para poder desfrutar destas creativas e fantásticas instantáneas nunha exposición física”

O proxecto, que foi posible grazas á iniciativa da firma Taller Abierto, naceu coa intención de dar visibilidade e poñer en valor tódolos beneficios de mercar no comercio de proximidade a través da ollada dos máis pequenos, desenvolveuse durante as fin de semana do 17 e o 24 de outubro en roteiros con grupos dun máximo de oito rapaces que fotografaron as cousas que máis lles chamaban a atención. Ao longo das sesións, os nenos puideron coñecer os beneficios de mercar no comercio local da man dos propios comerciantes e facer fotografías con cámaras desbotables.

A idea é que estas instantáneas sexan reveladas e seleccionadas para formar parte dunha campaña de promoción do comercio de proximidade a través dunha exposición en formato ríxido no Gastroespazo do Mercado de Abastos (prevista inicialmente para mediados de novembro).

As xornadas fotográficas infantís de Atende o Teu, que se celebraron coas máis estritas medidas de prevención anti covid-19 (ademais de grupos reducidos, fíxose entrega de kits individuais de mascarilla e xel a cada rapaz), achegáronse ata os seguintes negocios: Tendencias Floristería, Alba Música, Bio Tenda Xano, Ferretería Pontevedra, Luna Nueva Libros, Tobico (zapatos), Mage (complementos e decoración), Seijas (papelería e libros), Cinania (libros de segunda man), Bordados Isabel, Entre Telas, Aviones de Papel (libros infantís e xuvenís), Gretta (decoración e marcos), Pequeñitos y Adorables (produtos para cans e gatos), Eight Degrees (bebés e nenos), Manualidades Arte, La Vieja Libros, Jarmarti (alimentación), Queixo e Aparte, El Vergel, La Moda Ideal, Bullit (roupa e complementos de skate e surf), Ferretería Gallega, Cestería Cestigar, Metáfora (libros) e Indigo (flores).

Comentarios