#PonteLovers e Ape ofrecen talleres en liña sobre comercio en internet e uso de redes

Unen forzas para potenciar as vendas online no comercio local
Presentación E-Ponte.com. DP
photo_camera Presentación E-Ponte.com. DP

Potenciar as vendas online e o uso das ferramentas que nos ofrecen as redes sociais para ampliar o espectro de clientes no comercio local son algúns dos obxectivos das xornadas formativas en liña que a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (Ape) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da plataforma #PonteLovers, porán en marcha o vindeiro 27 de maio.

Os cursos virtuais, que se desenvolverán durante o mes de xuño en horario de tarde (tódolos martes e xoves entre 15:00 e 17:00 horas), complementaranse cun servizo de consultoría personalizada entre aqueles negocios que desexen sumarse ao marketplace municipal E-Ponte.com.

As inscricións para participar nestes talleres de dúas horas poderán realizarse a través da páxina web www.apegalicia.gal ou enviando un whatsapp ao número 697 195 540.

Segundo sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "o primeiro dos webinar será impartido por Jaime Barreiro, da empresa Cactus Digital, e centrarase en Comercio electrónico: como vender en Internet, repasando as opcións existentes no mercado para comezar a venda online e facendo especial fincapé no noso marketplace E-Ponte.com".

As xornadas formativas complementaranse cun servizo de consultoría personalizada entre os negocios que queiran sumarse ao marketplace municipal E-Ponte.com

O propio Barreiro será o encargado de impartir un curso sobre como aproveitar as ferramentas que ofertan as redes sociais para incrementar o tráfico cara as plataformas de venda online, xa sexan propias ou de terceiros, e outro titulado Automatiza os teus procesos e aforra tempo, destinado a optimizar a xestión da comunicación cos clientes e provedores mediante a automatización de tarefas.

Baixo a epígrafe Whatsapp márketing. A ferramenta ideal para comunicar e vender, Alberto Falcón, da firma Be Differential, abordará as posibilidades dunha ferramenta con máis de 1.600 millóns de usuarios activos ao día. Tal e como avanza Yoya Blanco, "nesta charla explicarase como sacarlle o máximo partido á túa conta para vender diferentes produtos e servizos e desgranaranse as formidables funcionalidades que ten WhatsApp Business para profesionais e empresas".

Juan Represa, de Action Coach, protagonizará a xornada formativa Controla o teu fluxo de caixa, un webinar no que os participantes aprenderán a administrar dunha forma eficiente o fluxo de caixa dos seus negocios para a xestión da tesourería se converta nunha axuda e non nun problema sen solución.

"Tamén haberá un taller sobre fotografía e vídeo de produtos, Unha imaxe vale máis que mil palabras, no que Borja Brun, de Brun Santervás, achegará explicacións e consellos sobre como poñer en valor os nosos servizos e artigos con fotografías e vídeos máis atractivos, de cara a empregalos en redes sociais, páxinas web ou plataformas de comercio electrónico de terceiros", apunta a concelleira de Promoción Económica.

O ciclo de xornadas de formación pecharase cun webinar sobre Uso de ferramentas para reunións en liña, no que novamente Jaime Barreiro ensinará o uso, configuración e asistencia de software para a creación e xestión de reunións online en plataformas como Zoom, CiscoWebex, Jitsi ou Skype.

Comentarios