#PonteLovers recolle as demandas de comerciantes, hostaleiros e pymes

A plataforma da Concellería de Promoción Económica pon en marcha seis mesas sectoriais para axudar a estes sectores a reiniciar os seus negocios
Cartaz de presentación das mesas. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Cartaz de presentación das mesas. CONCELLO DE PONTEVEDRA

A plataforma #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra para apoiar e fomentar a recuperación das pymes locais e do comercio e a hostalería de proximidade, porá en marcha seis mesas sectoriais para recoller as demandas dos diferentes negocios e axudalos a reiniciar a súa actividade e volver á normalidade.

Comezarán a funcionar este xoves pola tarde, ás 18.00 horas, coa celebración dunha primeira reunión por videoconferencia con voceiros do ámbito turístico.

A iniciativa foi presentada este mércores pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, coincidindo cun encontro online da Mesa Local do Comercio no que participaron representantes de Aempe, AJE, CCU Zona Monumental, a Cámara de Comercio, a Asociación de Amas de Casa Rías Baixas e os colectivos de comerciantes de Loureiro Crespo e as Galerías Oliva, así como voceiros dos grupos municipais de PP e Ciudadanos. 

Segundo explicou Yoya Blanco, as mesas de traballo convocadas dende a plataforma #PonteLovers “teñen un carácter aberto” e contarán coas achegas de “profesionais cun perfil proactivo”, permitindo “realizar un diagnóstico das dificultades que atravesa cada sector e converténdose nun laboratorio de ideas que guíe o regreso á normalidade”.

A mesa de Comercio “buscará a converxencia de dous mundos que se precisan o un ao outro agora máis que nunca: o dos negocios dixitalizados e virtuais e, no extremo contrario, o dos establecementos tradicionais" 

O primeiro dos grupos sectoriais, que se reunirá telematicamente este xoves, centrarase na Hostalería e estará integrada por representantes de ámbitos tan diversos como a alta cociña, as cafeterías, os locais nocturnos ou os servizos a hostelería (distribución de bebidas e seguridade alimentaria, entre outros). “Cuestións como o tratamento dos produtos - afirma Blanco-, o almacenamento e a trazabilidade van ser temas moi importantes a partir de agora”.

Por este mesmo motivo, deseñouse unha mesa sectorial específica de Alimentación, con profesionais vencellados ao Mercado de Abastos, os produtos gourmet e a alimentación do día a día (panaderías, tendas de froita…), e mesmo algunha cadea de supermercados local.

Outro dos sectores esenciais, o do Turismo (cuxo encontro telemático inaugural está previsto para o vindeiro martes) terá representación de hoteleiros, colectivos de residencias turísticas, axencias de viaxes, consultores e asesores de turismo, organizadores de visitas guiadas e propietarios de aloxamentos turísticos.

COMERCIO DIXITAL E NEGOCIOS TRADICIONAIS. Segundo lles avanzou Yoya Blanco ás entidades empresariais e comerciais de Pontevedra, a mesa de Comercio “buscará a converxencia de dous mundos que se precisan o un ao outro agora máis que nunca: o dos negocios dixitalizados e virtuais e, no extremo contrario, o dos establecementos tradicionais rexentados por xente de certa idade que non saben nin o que son as redes sociais e internet”. Neste grupo tomarán parte propietarios de ópticas, negocios de mascotas, ferreterías, asociacións de veciños, librarías e tendas de bebés.

Yoya Blanco amosouse “tremendamente satisfeita ante o respaldo social que a plataforma #PonteLovers está a ter en tódolos sectores da sociedade pontevedresa”

A concelleira de Promoción Económica precisou que o sector relativo aos Profesionais Liberais subdividirase en dúas mesas: unha para aqueles cuxos clientes son outras empresas (asesorías, sherpas empresariais, deseño industrial, soporte informático, desenvolvemento de APP…) e outra para os que teñen como clientes ao público en xeral (inmobiliaria, actividade física e ximnasios, psicoloxía, fotografía, avogacía, arquitectura, veterinaria, lecer…).

“Neste último grupo de traballo -aclarou a edil do PSOE- incluirase algún centro especializado en programas educativos pensados para nenas e nenos con dificultades de lectura e comprensión, diferentes dos da educación convencional, e que polo tanto poden aportar ferramentas de moita utilidade no presente contexto”.

Yoya Blanco amosouse “tremendamente satisfeita ante o respaldo social que a plataforma #PonteLovers está a ter en tódolos sectores da sociedade pontevedresa”, incorporando nas últimas semanas o apoio de “profesionais tan importantes para a nosa cidade como os empresarios Patricia Sierra, Javier Galiano, Jesús Rey, Ángel Sorey e Chus de la Fuente ou os escritores e xornalistas Manuel Jabois, Susana Pedreira, Xabier Fortes, Alexander Vórtice, María Varela, Manel Loureiro, Ana López, Rodrigo Cota, Diana López e Rafa Cabeleira”. A páxina de Facebook da campaña (https://www.facebook.com/pontelovers/) continúa a sumar ‘pontelovers’ día a día e xa suma case 2.300 seguidores.

Comentarios