PontePoética celebra o 'estourido da palabra'

O Festival Internacional de Poesía cumpre sete anos e trae a Pontevedra por primeira vez autores de fóra da Península Ibérica
Berta Dávila, onte, durante o recital.
photo_camera Berta Dávila, onte, durante o recital.

Os poemas de Andrés Neuman inauguraron a VII edición do Festival Internacional de Poesía de Pontevedra PontePoética. Os versos do arxentino foron os primeiros dun festival que se prolongará durante toda a fin de semana e que este ano celebrou o seu primeiro encontro nas Ruínas de San Domingos.

Xunto a Neuman, que recordou as súas orixes galegas cunha serie de poemas de mar —'no otra cosa puede hacer uno cuando vuelve a la tierra de sus abuelos, es decir, Galicia'— para comezar o recital. Seguiuno a galega Berta Dávila, a polaca Grazyna Wojcieszko e o tamén galego Antón Lopo, que leron os seus versos ante o público presente na tarde de onte.

A presentación do festival correu a cargo de Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra, que reivindicou a poesía para 'abrir xanelas, portas e cancelas' e falou da liñaxe de pontevedreses lectores, canteiros e ferreiros presentes como público. Lembrou tamén a ilustres das letras vencellados á Boa Vila como Paio Gómez Charino, Cuña Novás, Filgueira Valverde ou Fran Cortegoso.

A CIDADE. Tamén tivo boas palabra para a capital do Lérez o poeta arxentino Andrés Neuman, que leu os primeiros poemas de PontePoética de 2017. "Me ha sorprendido la capacidad de Pontevedra de hacer el silencio en cada esquina, tiene que estar llena de buenos lectores", explicou. No recital do arxentino non faltou o humor, os poemas inéditos, os versos adicados a unha filla que nunca tivo e mesmo unha ‘Plegaria del que aterriza’ na que o autor falaba do medo aos avións. 

Pero PontePoética ou "esta xeira sen fin para celebrar o estourido da palabra", tal e como a definiu Toxo, non rematou coa lectura de poemas destes autores. Tamén onte houbo recitais a cargo de Mireia Calafell (Barcelona), Cesáreo Sánchez (Galicia) e Sjón (Islandia) e, á noite, un espectáculo poético a cargo de Mireia Calafell chamado ‘Texturas’ no pub da cidade El Pequeño.

Comentarios