As pontes de Pontevedra estrearán luces no próximo Nadal

A instalación de iluminación ornamental comeza estes días en Os Tirantes, As Correntes e a pasarela da Illa do Covo
El puente de As Correntes presentará la iluminación más espectacular. RAFA FARIÑA
photo_camera Ponte das Correntes. RAFA FARIÑA

O Concello de Pontevedra retomará ao longo desta semana as obras para instalar a iluminación ornamental en tres pontes da cidade: a ponte das Correntes, a ponte dos Tirantes e a ponte peonil da Illa das Esculturas. Así o anunciou este luns Anabel Gulías, quen destacou que se trata dun contrato que ten un prazo de execución dun mes. "Se todo vai ben, neste Nadal estrearemos nova iluminación nestas tres pontes de Pontevedra que se sumarían á iluminación da ponte do Burgo", dixo a edil.

A portavoz do Goberno lembrou que este contrato fora suspendido por mor da covid, posto que a empresa adxudicatara Setga tiña dificultades para que os provedores lle fixesen chegar en tempo as pezas necesarias para cumprir os prazos esixidos.

Tras un informe do director xeral de Mobilidade no que recolle que xa desapareceron os motivos que provocaron a suspensión temporal dos traballos trala normalización da fabricación e subministro de compoñentes electrónicos, acórdase o levantamento da mencionada suspensión temporal das obras e dáse luz verde a uns traballos que contan cun orzamento de 430.000 euros.

Entre os traballlos que inclúe o contrato atópase a iluminación da Ponte das Correntes, que disporá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable para agochalas, con control único programable (cor, acendido).

Por outra parte, a ponte dos Tirantes contará con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais), e tamén se iluminará o taboleiro. Ademais, a pasarela peonil que comunica coa Illa do Covo terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.