As pontes de Pontevedra vestiranse de cores a partir do vindeiro verán

O Concello licita a iluminación dos viadutos do Lérez, xunto á reforma do Burgo e a obra de Virxe do Camiño

Recreación da iluminación que se pretende instalar na Ponte das Correntes. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera Recreación da iluminación que se pretende instalar na Ponte das Correntes. CONCELLO DE PONTEVEDRA

As pontes máis emblemáticas da Boa Vila cubriranse de luces a partir do verán. O edil de Obras, Demetrio Gómez, explicou onte que a restauración da Ponte do Burgo é "unha oportunidade inmellorable" para que todo o conxunto de viadutos que vai dende As Correntes ata a pasarela peonil da Xunqueira reforcen o seu valor a través da iluminación, "dado que son un recurso arquitectónico, monumental e turístico moi importante para a cidade". A actuación foi orzamentada en 449.960 euros e contará cun prazo de execución de 30 días.

Segundo explicou Gómez, a principal dificultade para a elaboración do proxecto foi conceptual, dado que o Concello quería conxugar o tratamento unitario para destacar o conxunto co alumeado específico de cada ponte. Finalmente, optouse por unha vía intermedia.

A iluminación da Ponte das Correntes será o máis espectacular. Disporá de 106 proxectores que serán camuflados en pezas de aceiro inoxidable e que variarán de cor a través dun sistema de control único e programábel. A ponte do Burgo terá a súa propia iluminación incluída dentro do proxecto de reforma, que supera os 800.000 euros, mentres que a ponte de Santiago contará co alumeado máis sobrio, seguindo as súas liñas arquitectónicas. Disporá de proxectores de luz branca que destacarán, ante todo, o taboleiro.

A ponte dos Tirantes "foi a decisión máis complexa xa que é a máis espectacular". Tras varias alternativas, o proxecto contempla a instalación de luces brancas que iluminarán os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais). Por último, a pasarela peonil da Xunqueira terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns de leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.

Con esta actuación, o Concello de Pontevedra rematará o ano cunha "elevadísima actividade inversora", dado que nas tres últimas Xuntas de Goberno aprobáronse proxectos (ou adxudicáronse) por case dez millóns de euros.

INVESTIMENTOS. O concelleiro de Obras explicou que as reunións que mantivo o pasado setembro coas federacións de veciños materialízanse agora nas aprobacións das licitacións dos grandes proxectos que o Concello tiña en carteira. O pasado 21 de decembro aprobouse abrir o proceso de contratación da reforma do Mercado de Abastos (279.292,78 euros), da remodelación do Pavillón do Multiusos (2.143.038 euros) e da reforma da rúa Gorgullón (1.554.055 euros). O día 26 sacouse a licitación o proxecto do local social do Burgo por 639.902,97 euros e a adxudicación á empresa E. C. Casas da mellora de vías rurais nas parroquias de Campañó e Alba por valor de máis de 310.000 euros.

O xoves o Concello adxudicou á empresa Alqui Envas o subministro de 8.000 composteiros individuais que se repartirán nas parroquias (a domicilio), dando un paso definitivo ao proceso de compostaxe que está a impulsar o Goberno local cun investimento de 464.640 euros.

O Goberno local celebrou onte a última xuntanza do ano para aprobar o inicio da licitación do proxecto da Ponte do Burgo por valor de 2.561.390,91 euros, "polo que quedan tramitados todos os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), xunto ao Mercado de Abastos, o Gorgullón e o Multiusos", sinalou o edil nacionalista.

Nesta última Xunta de Goberno tamén se aprobou o inicio do proceso de contratación da reforma da rúa Virxe do Camiño por 1.411.428,23 euros e o novo proxecto de iluminación co que pretende pór en valor as pontes sobre o Lérez.