As traballadoras de Pontesa, berce da loita obreira feminina en Pontevedra

O Teatro Principal acolle ás 20.00 horas a proxección de Nación, o filme onde as mulleres son as protagonistas
Ester García, no medio, con abrigo negro e bufanda gris. DP
photo_camera Ester García, no medio, con abrigo negro e bufanda gris. DP

Hai que botar a mirada atrás máis de 50 anos para comprender dende o principio a historia daquelas mulleres que marcaron un antes e un despois na loita obreira feminina na provincia de Pontevedra, polas súas innumerables batallas, das que moitas acabaron en sangue, por recuperar o que lles pertencía e que, a día de hoxe, moitas delas continúan sen conseguir.

Esa interminable loita foi a que protagonizaron as antigas traballadoras da fábrica de cerámica Pontesa-Santa Clara. Aínda que o coñecido da súa historia foi o tráxico final que tivo no 2001, co peche da fábrica, que deixou a centos de persoas sen traballo, sen indemnización, con salarios de anos atrás sen cobrar e sen practicamente oportunidades laborais.

Agora, case 20 anos despois dese doloroso desenlace, a directora Margarita Ledo foi capaz de darlles voz a través do seu novo filme, Nación, que poderá verse hoxe ás 20.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do Mes da Memoria programado polo Concello.

"É unha historia, xa o di a palabra. Foi grande, de moito sufrimento e dunha enorme carencia de diñeiro", recorda Ester García, unha das antigas traballadoras de Pontesa, natural de Ponte Sampaio, pero residente na actualidade en Cesantes. Ela, coma moitas outras, comezou a traballar no ano 1969 con tan só 14 anos. "Non tiñamos nin idade para traballar. Se fose hoxe non poderiamos", reflexiona.

Naquela época, na que o pan a casa o traían os pais e os irmáns varóns máis maiores, era practicamente impensable para Ester e as súas compañeiras a inserción no mundo laboral. "Estabas na escola e os teus pais cubríanche a folla (un currículum a día de hoxe) e aos dous días xa te chamaban para a entrevista e ao seguinte xa estabas traballando", conta a arcadense, que lembra con morriña que "entrabamos a feixes. Eramos de todos os lados, de Arcade, Ponte Sampaio, Soutomaior, Redondela, Salcedo, Vilaboa, Pontevedra, da Ínsua... De todos os lados".

Non foi ata chegada a idade adulta, e coa obrigación ás costas de ter que manter a unha familia, cando comezaron as preocupacións. "Cando eras unha rapaciña non tiñas cargas, pero logo ves que tes unha familia e cambia o conto", explica a ex-traballadora, que xunto coas súas compañeiras tiveron que loitar por conseguir unha xornada intensiva, que a lograron "grazas a facer ruído e a moitos días de xantar na estrada. Esa foi a nosa primeira loita". 

Con todo o que veu despois, Ester recorda que pasou anos moi bos en Pontesa, "de gañar moitos cartos", que se alargaron ata mediados dos 90. Foi entón cando os salarios comezaron a non chegar ao peto. "Tivemos anos felices, polo menos pola miña parte, a min gustábame o meu traballo, Pero a vida dá a volta e veste traballando sen cobrar nada". 

Antes de que Pontesa pechase no 2001, Ester a as súas compañeiras tiveron que "pelexar moito". "Comigo e con máis xente fixeron unha débeda de 13 millóns de pesetas. Estivemos 9 anos sen cobrar como debiamos", conta.

Tivemos anos felices e de gañar moitos cartos, pero logo a vida deu a volta e empezamos a traballar sen cobrar

LOITA OBREIRA. A verdadeira historia que se coñece das heroínas de Pontesa comeza cando, anos antes de que a fábrica botase o peche, as traballadoras decidiron saír á rúa para loitar polo seu pan e dos seus fillos. "Fixemos moitísimas manifestacións antes de que pechase Pontesa. Fixemos por Arcade, fixemos marchas dende alí ata Pontevedra, diante de Facenda. Recordo que esa manifestación foi horrorosa", conta Ester, que xunto as súas compañeiras pasou días e días fóra da casa manifestándose en Santiago de Compostela, en Vigo e incluso en Madrid.

"Recibimos tundas a destro e sinistro. Daban ben", relata a arcadense, á vez que recorda momentos como o día que pararon o tren ao seu paso por Arcade ou cando foron ao aeroporto de Peinador, que "aquilo parecía unha batalla campal. Recibimos paus e malleiras por todos lados. Botáronnos bolas de fume, déronnos coas porras... De todo. O peor e que eles, os antidisturbios, viñan tapados ata ás orellas e nós ibamos sen protección. Dábannos polos dous lados". 

A pesar de que esas incansables batallas e loitas non chegaron a bo porto, Ester móstrase satisfeita de todo o que percorreu xunto as súas compañeiras. "Pelexamos ata o final, ata máis non poder, ata que vimos que non había remedio e que gañaban eles. Nós nunca nos rendemos", remata.

FILME. "É unha maneira de darnos un pouquiño de voz e que a xente coñecese a historia, porque moita si a conta, pero non ao completo. Todo o que pasamos non se pode saber nin coa película", explica Ester García respecto ao filme, apenada por "non terse feito antes, porque hai moita xentiña que estivo metida nisto e que se quedou no camiño". Ester sentarase hoxe na primeira fila do Teatro Principal para recordar e emocionarse con Nación. 

A Pontevedra exiliada centra o Mes da Memoria
O exilio é o fío condutor da programación do Mes da Memoria, unha iniciativa do Concello de Pontevedra, que comezou o pasado día 5 cun espectáculo radiofónico. Tras a proxección da película Nación, rematará o próximo 27 de novembro coa presentación dun cómic sobre Josefina Arruti, Os berros da motocilceta. Tamén se celebrou a tradicional ofrenda floral aos pés da escultura en homenaxe aos dez pontevedreses fusilados o 12 de novembro do ano 1936.

Comentarios