Pontevedra abre un centro pioneiro de información á diversidade sexual

O servizo estará dirixido pola activista trans Ada Otero e scompartirá espazo co Centro de Información á Muller
Ada Otero, na oficina no Cides. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Ada Otero, na oficina no Cides. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un lugar ao que acudir en caso de dúbidas, acoso ou situacións de falla de información para as persoas LGTBIQ+ en particular, pero para toda a poboación en xeral. O Centro de Información en Diversidade e Sexualidade (Cides) é xa unha realidade en Pontevedra, o que converte á Boa Vila na primeira cidade galega en contar con este tipo de servizo,

O Cides, coordinado pola activista trans Ada Otero, recibirá no seu seo a toda aquela persoa que precise información sobre sexualidade, identidade ou orientación sexual. Ademais, celebraranse talleres formativos e formaranse grupos de apoio. O novo Cides foi presentado este mércores pola súa impulsora, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, acompañada pola propia Otero.

Será posible concertar citas para dispor dun amplo espazo de tempo no que falar relaxadamente, visitar a oficina durante ou realizar consultas por teléfono, email ou redes (Facebook e Instagram)

"Temos peticións concretas de familiares de menores trans que queren formar un grupo de apoio, non só para atopar xente coa que compartir experiencias, senón persoas con formación que estean dentro do colectivo e que os poidan orientar en temas tan específicos como a sexualidade das persoas trans", explicaba este mércores Ada Otero.

A iniciativa xa estaba contemplada dentro do Plan Municipal de Igualdade recentemente aprobado, pero a súa necesidade viuse aínda máis reafirmada trala enquisa que o departamento que dirixe a socialista desenvolveu nos institutos e CIFP da cidade e que concluíu que máis do 25% do alumnado nunca recibira información sobre diversidade sexual e que, de entre os que si a recibiran, o 35% considerábana moi insuficiente.

Segundo explicou Paloma Castro, o Cides pretende converterse en "centro de información de referencia sobre sexualidade e diversidade sexual, onde a cidadanía poida atopar respostas e información e mesmo asesoría no que se refire a ataques LGTBIfóbicos".

"Queremos que sexa un centro seguro e de apoio, de prevención e protección ante situacións de acoso por razón de orientación sexual e identidade de xénero; e tamén un centro que colabore con outras entidades ou colectivos de Pontevedra que traballan en defensa dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBIQ+", apuntou a edil do PSOE.

Ada Otero asegurou que o Cides ven cubrir unha eiva que existía ata o de agora, "ao non existir en Pontevedra ningún tipo de centro ou asociación ao que se poida recorrer para pedir información sobre diversidade e saúde sexual". Tal e como sinala, trátase dun "proxecto pioneiro e moi necesario", posto que non hai practicamente formación nin persoas especializadas nestes eidos.

O novo Centro de Información está aberto ao público dende o pasado mes de febreiro nas tardes dos mércores, xoves e venres en horario de 16.30 a 20.30 horas, atendendo tamén chamadas no teléfono 676 09 73 39 e correos electrónicos na dirección [email protected]. Será posible concertar citas para dispor dun amplo espazo de tempo no que falar relaxadamente, visitar a oficina durante o horario de apertura ou realizar consultas sinxelas por teléfono, email ou redes (a páxina de Facebook é Cidespontevedra e a de Instagram @cidespontevedra).

Talleres. En contacto cos colectivos
Dende o Cides tamén se ofertarán talleres formativos en determinadas materias e manterase un contacto permanente con diversos colectivos tanto para recibir feedback sobre posibles agresións como para organizar eventos en datas sinaladas e campañas de sensibilización en colexios e institutos.

Do mesmo xeito, valorarase a posibilidade de realizar talleres formativos actualizados sobre diversidade e sexualidade.

Ada Otero constata que "o máis parecido que tiñamos ao CIDES en Galicia é o Observatorio da Coruña, pero simplemente se adica a facer unha diagnose da LGTBIfobia e de casos de agresións e non aporta ningún tipo de asesoramento".

Comentarios