Pontevedra "ábrelle a porta ao feminismo"

O Concello inicia as actividades do 8-M co despregue da pancarta no que convida a toda a sociedade a defender a igualdade entre mulleres e homes
 
Despregue da pancarta do 8-M na Casa Consistorial de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Despregue da pancarta do 8-M na Casa Consistorial de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra "ábrelle a porta ao feminismo". O Concello inicia as actividades do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, co despregue dunha pancarta na Casa Consistorial cun lema que convida a toda a sociedade a defender a igualdade entre mulleres e homes. 

"O feminismo é unha ferramenta imprescindible", lembrou este venres a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, que puxo de manifesto a necesidade de seguir traballando neste campo para combater estereotipos e estatísticas como as publicadas este ano polo CIS, que expoñían que o 44,1% dos homes están "moi" ou "bastante de acordo" con que “se chegou moi lonxe na promoción da igualdade entre homes e mulleres”. 

A programación municipal do 8-M, deseñada en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) e a empresa Era Comunicación, fará fincapé na educación, na formación e na visibilización da igualdade. Organizaranse obradoiros en centros educativos, dende Primaria ata Bacharelato e Formación Profesional, e promoveranse outras accións. 

Unha das máis novidosas ten que ver coa celebración dun Cinefórum no Teatro Principal. Será o 7 de marzo a partir das 20.00 horas, con entrada gratuíta, ata completar aforo. O Concello proxectará a multipremiada O Corno, gañadora da Concha de Ouro na última edición do Festival de San Sebastián, sendo así a primeira produción galega e en galego en recibir este recoñecemento. 

A película, que fala da maternidade dende distintos puntos de vista e onde a sororidade xoga un papel fundamental, foi escrita e dirixida por Jaione Camborda. A donostiarra tamén estará presente no evento, participando no coloquio posterior á proxección, no que tamén estarán Gulías e Elena García Román, especialista en Historia do Cine e socia de Cima (Asociación de Mulleres Cinesastas e de Medios Audiovisuais).

A concelleira do BNG convidou a toda a cidadanía a participar nas distintas mobilizacións convocadas o 8 de marzo. O Concello estará presente na concentración que a CIG organizará na Peregrina (12.00 horas) e na manifestación impulsada polo Colectivo Feminista de Pontevedra, que percorrerá distintas rúas da cidade a partir das 20.30 horas.

Igualdade poralle música ao 8-M antes e despois da marcha feminista. Farao na Praza de España, a partir das 18.00 horas, coa actuación de dúas artistas: La Yaya DJ e Señora DJ. "Será unha festa feminista", subliñou Gulías, que lembrou o apoio a outras iniciativas, como a nova edición do encontro As mulleres que opinan son perigosas, do 15 ao 16 de marzo no Teatro Principal; as actividades con perspectiva feminista no Salón do Libro e cursos e obradoiros da Escola Feminista da Mocidade, que terán lugar ao longo deste mes.