A Festa dos Libros regresará a Pontevedra este verán. Farao do 7 ao 9 de xullo na Praza da Ferrería, tal e como confirmou o sábado o Concello a través dun comunicado de prensa.
A Concellería de Festas, que dirixe Carme da Silva, confirmou a nova edición do evento trala reunión mantida esta semana coas librarías pontevedresas e os seus responsables para comezar a organizar a programación.
A Festas dos Libros promoverá distintas presentacións de obras, sinaturas, conversas e outro tipo de actividades relacionadas con este sector cultural. Entre elas haberá concertos.
Un total de 13 librarías participarán nesta iniciativa, o mesmo número que o ano pasado. Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora e Librería Seijas serán os encargados de encher de letras e contos o centro da cidade.
Os horarios da festa serán de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas, agás o domingo, xornada na que o peche se producirá ás 22.00 horas. Como vén sendo habitual, o Concello colaborará coa organización do evento a través da instalación dunha carpa na Praza da Ferrería, que servirá para gardar os expositores e protexer do sol e da calor aos asistentes.