A primeira longametraxe de ficción que ten a Castelao como protagonista, Antes de nós, terá as súas localizacións principais en Pontevedra e en Rianxo. Así o deron a coñecer Zenit TV e Retrincos A.I.E., as produtoras detrás do proxecto, no inicio da rodaxe, o pasado luns. O Concello de Pontevedra e a Deputación colaboran no filme.
O actor lucense Xoán Fórneas interpretará a Castelao nesta película con forma de drama histórico que dirixe Ángeles Huerta (O corpo aberto), Cris Iglesias (como Virxinia Pereira), Nacho Novo (como Sobral), Xoel Fernández (como Cándido), Miguel Insua (como Viturro), e Sergio Zearreta (como Cubeiro) completan o reparto principal.
Zaza Ceballos encárgase da produción executiva do filme, que conta cun guión de Pepe Coira baseado en dous episodios da vida de Castelao: a etapa na que exerceu como médico en Rianxo durante a gran gripe de 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, tras a perda do seu fillo.
Segundo as produtoras, a rodaxe prolongarase durante todo o mes de setembro e, ademais de por Pontevedra e Rianxo, tamén transcorrerá por Santiago de Compostela, Muros, Fisterra, Negreira e outra localidade pontevedresa, a de Silleda.
A estrea do filme está previsto para 2025.