viernes. 04.12.2020 |
El tiempo
viernes. 04.12.2020
El tiempo

Pontevedra acollerá este verán un gran concerto do Xacobeo

Jacobo Sutil, Xosé Manuel Cores Tourís, Román Rodríguez, Miguel Anxo Fernández Lores y Carme Fouces. DP
Jacobo Sutil, Xosé Manuel Cores Tourís, Román Rodríguez, Miguel Anxo Fernández Lores y Carme Fouces. DP
O conselleiro de Cultura mantén un primeiro contacto co Concello para solicitar a súa colaboración nunha programación pre-Ano Santo, que involucrará ao movemento cultural local

A Xunta de Galicia vén de ter o seu primeiro contacto co Concello de Pontevedra de cara á celebración do Xacobeo. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mantivo este mércores pola mañá unha reunión co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, para sondear a colaboración da Administración local na programación que se está a organizar nas vésperas do Ano Santo (2021). Rodríguez e Lores avanzaron que Pontevedra, dentro do plan Xacobeo Concellos, acollerá este verán un gran evento cultural, con toda probabilidade un concerto, e unha programación máis ampla e a máis pequena escala, que aspira a involucrar ao movemento cultural local. "Pontevedra é unha cidade moi Xacobea", sinalou o conselleiro referíndose á vinculación da capital da provincia co Camiño.

Os plans do conselleiro pasan por pechar en dous meses esta programación do Xacobeo para 2020 e dar entón os datos concretos referidos a datas, espazos e prezos, xa que as propostas que se organicen dende a Xunta "combinarán entradas de pago e de balde". Segundo dixo Rodríguez, a Consellería fai agora un "chamamento ao mercado", poñendo á disposición das distintas produtoras galegas unha serie de recursos económicos para que oferten as súas propostas. Entre elas escolleranse as máis adecuadas para cada concello seguindo os tres criterios que, para a Xunta, marcan a celebración do Ano Santo: "sustentabilidade, participación e descentralización". No caso de Pontevedra, ademais, a programación do Xacobeo non deberá coincidir coa semana das festas de agosto.

A participación do Concello, que mostrou a súa disposición a colaborar coa Xunta na celebración, tería que ver coa cesión de espazos e a coordinación de cuestións referidas á seguridade cidadá, entre outras cousas. Na reunión de Rodríguez e Lores tamén participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces.

Pontevedra acollerá este verán un gran concerto do Xacobeo
Comentarios