David Amor, nas Conversas na UVigo: "Pontevedra é un agasallo para a vida"

Entrevistado por Ramón Rozas, protagoniza a primeira das charlas dun novo ciclo das conversas organizadas por Diario de Pontevedra e o Campus da cidade
O director de Diario, Miguel Á. Rodríguez; a vicerreitora de Comunicación da UVigo, Mónica Valderrama, o columnista Ramón Rozas e David Amor. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O director de Diario, Miguel Á. Rodríguez; a vicerreitora de Comunicación da UVigo, Mónica Valderrama, o columnista Ramón Rozas e David Amor. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Un agasallo para a vida". Así definiu David Amor a cidade á que sempre volve, Pontevedra, na charla que mantivo co columnista e crítico de arte de Diario de Pontevedra Ramón Rozas, nunha nova edición do ciclo Conversas na UVigo, organizado polo periódico e a Universidade.

No encontro, que se celebrou sen público por mor da situación sanitaria, o humorista e deportista repasou algúns dos momentos máis relevantes da súa carreira, tanto no ámbito do espectáculo como no deportivo, ademais de opinar sobre cuestións de actualidade.

Pontevedrés de adopción, xa que naceu en Salceda de Caselas, David Amor, cuxo nome real é David López Veleiro, chegou á Boa Vila para estudar Ciencias da Actividade Física e do Deporte e xa nunca marchou, nin sequera nas etapas nas que, por cuestións de traballo, pasaba a semana en Madrid. "Alí a xente non entendía por que viña todas as fins de semana ata que os invitei a vir; aquí a calidade de vida é outra", explicaba.

Estou máis canso. Pásame como a un xogador de balonmán veterano, xa non corro todos os sprint porque que non podo chegar a todo

Recordou os seus tempos universitarios con cariño e lanzou tamén algunha crítica sobre como se entende hoxe en día este período na vida dos mozos e mozas. "A universidade ten algo de vivencial que é intanxible, ademais de que os estudos deberían ser aspiracionais, é unha etapa na que ti comezas a tomar decisións, a organizar o teu tempo... Está ben a aventura de ir fóra da casa e penso que actualmente a universidade infantilízase un pouco", contaba.

Toda a súa carreira posterior, incluso a que non está vencellada co mundo do deporte, ten moita relación coa facultade na que estudou. "Alí coñecín a María Castro", apuntou. Porén, a súa traxectoria tampouco pode entenderse sen o balonmán. Deste xeito, Amor definiu a súa época como xogador do Teucro como "das máis felices". Por aquel entón traballaba na Televisión de Galicia e tivo que facer un parón na súa carreira televisiva para incorporarse ao equipo.

Ofreceu tamén a súa opinión sobre a situación de crise do histórico clube pontevedrés. "Eu creo que o Teucro hai que refundalo, por moita tradición que exista, cando a cousa non funciona hai que tomar unha decisión", dixo. Apaixoado polo deporte, contou que unha "nova lideira" era a do ciclismo. "De rapaz ía en bici a todas partes e decateime de que logo saquei o carné e collía o coche para todo, Pontevedra é un sitio idóneo para a bici, por iso me aficionei". 

A volta ao mundo da "farándula" despois da etapa como xogador do Teucro non foi difícil. "Para min o balonmán foi sempre esa base á que volver, por momentos tiña máis importancia na miña vida e por outros menos, pero as transicións sempre foron moi suaves", dixo.

Antes de traballar na televisión en Madrid (2010), xa coñecía o que era ese mundo debido á súa experiencia na Televisión de Galicia. Recoñece que a capital "ofrece máis oportunidades, pero perdes outras cousas". Por iso, malia o seu traballo, volveu sempre a Pontevedra, "unha cidade moi humana" que lle permitía estar a "500 metros do monte", estar preto dos amigos e a familia e aproveitar máis o tempo pola proximidade e o compacta que é. "Esta é unha cidade que funciona moi ben co que é, pode que o modelo non sexa exportable a lugares máis grandes, pero poder baixar andando da casa, ver xente pola rúa nun sitio como Galicia onde o clima non beneficia que se faga vida fóra... Desas cousas decatámonos agora, coa pandemia. Gústanos ver xente nas rúas, aínda que non fales con ela", contaba durante a súa conversa. Ademais, sobre as reservas de certos sectores da cidadanía ao modelo de cidade explicou que "é a proba do medo que o ser humano lle ten ao cambio". 

O entrevistador, Ramón Rozas, mencionou unha frase pronunciada polo humorista nunha entrevista concedida a Diario de Pontevedra en 2012, na que david Amor lamentaba o medo ao ridículo que moita xente seguía sentindo. "Eu iso vivino dende sempre, a xente asústase moito de falar en público, por exemplo", indicaba. Pero, en que cambiou David Amor dende aquelas declaracións de 2012?, preguntaba Rozas. "Pois probablemente en que estou máis canso. Pásame como a un xogador de balonmán veterano: xa non pego todos os sprints porque sei que non sempre vou chegar", contou.

A sociedade decide que bromas telñen graza, agora xa non se fan chistes machistas, por exemplo, hai que tratar ao público como adultos

POLÍTICA. Os anos tamén levaron a David Amor a cambiar os temas sobre os que versaban as súas bromas. "Nos meus comezos falei moito de política, pero logo deixei de pasalo ben e paseime a un humor máis branco, máis comercial que dirán algúns. Ademais, a verdade é que ese tipo de bromas só traían problemas, a min chegaron a despedirme por morder a man que me daba de comer e eu non son ningún valente", explicou o humorista, que recoñeceu que borra unha boa cantidade de chíos á semana antes de publicalos polos problemas que lle poidan traer. "É triste non poder falar, eu penso que se debe poder falar de todo". 

Neste sentido, criticou Javi 16.30 Diario. Conversas na UVIgo . david amora polarización actual e sentenciou que o humor non pode ter límites. "O que ten límites é o bo gusto e a propia sociedade decide que bromas teñen graza e cales non, hoxe en día certos chistes machistas, por exemplo, deixaron de facer graza e por iso non se fan. Hai que tratar ao público como persoas adultas", dicía.

Referiuse tamén a cuestións de actualidade como o encarceramento de Pablo Hasel, defendendo a necesidade do diálogo. "Podes crer que Pablo Hasel non deba estar en prisión sen por iso defender a queima de colectores e, se defendes á Policía, non tes por que defender as cargas, ten que haber espazo para a crítica, non se pode simplificar tanto", lamentaba. No mesmo sentido, explicou que lle parece urxente atallar a violencia nas redes sociais, comparando o encarceramento dunha muller por facer un chiste sobre Carrero Blanco con ameazas de morte ou de violacións que ocorren todos os días no contexto intanxible do mundo dixital sen que cheguen a ter consecuencias para os seus autores.

Sobre a pandemia e os confinamentos obrigados que supuxo, David Amor confesou telo pasado mal. "Foi duro a nivel anímico", contou. Tamén dixo que as actuacións se reduciron practicamente por completo, tendo en conta que "a cultura é sempre un traballo de equilibrista" e augurou unha gran crise emocional entre a cidadanía que seguirá á pandemia. "Eu xa non me imaxino en certos ámbitos sen máscara", contaba.

Malia a pandemia, David Amor ten xa plans para o futuro. Entre eles, unha obra de teatro producida por el mesmo na que tamén é actor que porá en marcha en canto as condicións sanitarias lle permitan reunir ao público. 

Ao principio facía moitas bromas relacionadas coa política, pero deixei de pasalo ben e apostei por un humor máis branco

Comentarios