Pontevedra Alternativa (POAL) propón a creación dun bono especial en saúde mental para familias

Aposta pola creación dunha liña de subvencións directas a familias do alumnado de centros públicos e concertados para mellorar a conciliación familiar e para paliar os gastos durante o curso
 
Carlos Fontán en la redacción de Diario de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Carlos Fontán en la redacción de Diario de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra Alternativa (POAL) aposta fortemente no seu programa electoral polas familias e, especialmente, por aquelas que teñen fillos e fillas en idade escolar. É por iso que POAL propón a creación dunha Escola de Familias, cuxo motivo principal non é outro que o de fomentar a formación ás familias, ofrecendo cursos, charlas e actividades para tratar diferentes problemas aos que se enfrontan os nosos fillos e fillas e ofrecer solucións, segundo explica nun comunicado.

Neste senso, o candidato á Alcaldía de Pontevedra Carlos Fontán lembrou que un dos principais problemas a día de hoxe é a saúde mental dos pequenos. Por iso, dende Pontevedra Alternativa impulsarase a creación dun bono especial para familias con poucos recursos no que se ofrezan un número determinado de sesións gratuítas con psicólogos privados da cidade.


Esta medida é de vital importancia xa que, actualmente, a saturación da sanidade pública respecto á saúde mental provoca longas listas de espera entre os pacientes que necesitan un tratamento urxente, sobre todo, na poboación máis nova. De feito, o suicidio continúa sendo a primeira causa de morte non natural entre a mocidade. “A saúde mental debería ser un dereito, non un privilexio”, indica Carlos Fontán.

Outra das propostas de Pontevedra Alternativa nesta materia é crear unha liña de subvencións directas a familias do alumnado de centros docentes públicos e concertados. Estas axudas servirán para mellorar a conciliación familiar e para paliar, en medida do posible, os gastos requiridos durante o curso escolar.
 

POAL tamén propón unha actualización da Área de Educación da páxina web do Concello de Pontevedra, xa que debe ser un portal de información e de axuda ás familias (con recursos actividades, xogos e cursos de formación).