lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

Oito mariscos bivalvos da ría de Pontevedra protagonizarán a I Festa das Cunchas

Presentación da I Festa das Cunchas, este martes na Praza da Verdura. GONZALO GARCÍA
Presentación da I Festa das Cunchas, este martes na Praza da Verdura. GONZALO GARCÍA

Capital Gastro lanza o seu primeiro evento gastronómico, que contará coa participación de 46 establecementos hosteleiros da Boa Vila

Ostróns, berberechos, ameixas, escupiñas, mexillóns, navallas, vieiras e zamburiñas. Con esta materia prima froito da ría de Pontevedra celebrarase nas próximas semanas a I Festa das Cunchas, que constitúe o primeiro evento lanzado pola marca Pontevedra Capital Gastro.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presentou este martes a iniciativa na Praza da Verdura acompañada polos chefs da cidade Vicente Tortajada (La Culpa de la Gula), Marcos Romero (Mar de Fora) e Carlos Barreira (Bocarte), que amosaron o seu talento aos fogóns á hora de preparar estes mariscos. No acto, no que tamén participou o cocteleiro Carlos Abilleira (La Buena Vida), presentouse o vídeo promocional da festa elaborado por Abel Bonilla e puideron degustarse algunhas das tapas que se poderán pedir nos establecementos nos próximos días. Deste xeito, 46 bares e restaurantes participan na iniciativa ofrecendo a súa proposta con algún destes oito mariscos. "O prezo das tapas pono cada establecemento porque non é o mesmo unha tapa con ostrón que con mexillón", explicou Blanco.

Outra das iniciativas de promoción da hostalería contemplada nesta festa serán unhas Xornadas Gastronómicas consistentes na proposta dun menú pechado no que se integre unha oferta baseada en receitas con calquera dos oito mariscos de cuncha. As datas de celebración destas Xornadas serán o sábado e domingo das dúas fins de semana que dura a festividade, podendo ofertarse o menú para comidas e ceas para os catro días: 19, 20, 26 e 27 de xuño.

O Concello imprime para a ocasión 5.000 folletos informativos sobre esta festa e premiará aos 150 primeiros comensais que participen na mesma cun agasallo sorpresa. Os locais ambientaranse con motivos mariñeiros e, para acompañar o evento gastronómico, o Concello ofrece excursións pola ría en embarcacións tradicionais (os días 18, 19, 20, 25, 26 e 27 de xuño) dunha duración de 40 minutos. Para participar é preciso inscribirse na web www.visit-pontevedra.com.

Por outra parte, a festa premiará ao barrio da Moureira co distintivo Loureiro de Ouro, que pretende homenaxear á zona "pola súa historia como arrabal mariñeiro dedicado tanto á pesca como á salazón de peixe, e pola súa practicamente esquecida importancia na historia grastronómica da cidade", en palabras da propia Blanco.

Cartel Festa das CunchasBATALLA DAS CUNCHAS. Blanco compraceuse en confirmar "a presenza do cociñeiro e showman David de Jorge, máis coñecido como Robin Food, na Batalla das Cunchas, un evento chamado a ser un referente dentro da cita gastronómica, que terá lugar o mércores 30 de xuño ás 18.00 horas na Alameda e que se converterá nun cóctel de diversión, festa e gastronomía, un momento para a unión e complicidade das cociñas da cidade".

Mediante sorteo, adxudicaráselle a cada chef un dos oito mariscos de cuncha protagonistas desta festividade (os cociñeiros que queden fora actuarán como xurado da Batalla), implicándoos nunha proba na que, como aclarou Yoya Blanco, "non gañará o cociñeiro, gañará o marisco", de xeito que "se lle quite ferro á competición, os chefs desfruten e se abra a porta da camaradería".

"Será polo tanto un evento en directo para o que montaremos un escenario con oito cociñas e no que teremos oito personaxes caracterizadas dos oito mariscos da festa, que serán os encargados de pelexar entre eles polo premio e de animar ao seu respectivo cociñeiro. Ao finalizar o cociñado das tapas, o xurado pasará a probalas e a deliberar, anunciando seguidamente o marisco gañador e poñéndolle unha coroa feita de loureiro. Contaremos con foodtrucks de comida, doces e bebidas", adiantou a concelleira do PSOE.

Oito mariscos bivalvos da ría de Pontevedra protagonizarán a I...
Comentarios
ç