Pontevedra aprobará o luns os convenios anuais con Rexurdir e Down Xuntos

O Concello destina unha achega económica de 12.000 euros a financiar o funcionamento Centro de Atención Social Continuada da Asociación Rexurdir Provincial
Tino Fernández, en la pared de la Subdelegación del Gobierno en Pontevedra esta semana. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Tino Fernández. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Concellería de Benestar Social de Pontevedra levará o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación os convenios anuais de colaboración coa Asociación Rexurdir Provincial e o colectivo Down Pontevedra Xuntos para o desenvolvemento dos seus programas de atención a persoas con problemas de adicción e de apoio á cidadanía con Síndrome de Down, respectivamente.

En concreto, o Concello de Pontevedra destinou achegas económicas de 12.000 euros para o funcionamento do centro social de atención continuada que Rexurdir ten na rúa Cruceiro e de 9.000 euros ao financiamento do proxecto de inclusión educativa e promoción da autonomía de Xuntos.

Tal e como lembra o tenente de alcalde, Tino Fernández, a liña de colaboración e coordinación co centro de Rexurdir Provincial “ten como finalidade primordial a atención de persoas en situación de vulnerabilidade e en risco de exclusión social por causa de situacións aditivas tales como a drogodependencia”.

O concelleiro de Saúde sinala que, entre as accións que este colectivo está a realizar no noso municipio inclúese “a orientación e acollida a persoas drogodependentes; a derivación de usuarios a centros de tratamento e deshabituación; o respaldo xurídico social para a súa reinserción; un piso de apoio ao tratamento social e laboral; orientación a persoas en risco de exclusión social; o reparto de alimentos; a subministración de preservativos, e a intervención con persoas que viven na rúa”.

Fundada en 1994, Rexurdir Provincial conta no seu centro da rúa Cruceiro cun psicólogo, un técnico en integración social, unha avogada e unha auxiliar

Segundo apunta o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, no centro de atención social continuada “elabóranse proxectos individuais de inserción socio-laboral; organízanse cursos, charlas e outras actividades vencelladas á integración social; impúlsanse programas de rehabilitación de persoas con problemas de drogadicción e outras condutas aditivas, e foméntase o desenvolvemento das habilidades sociais dos usuarios”.

“Rexurdir tamén colabora coa Área de Benestar Social e a Unidade de Asistencia ao Drogodependente (UAD) do Concello de Pontevedra -explica Rey- nos procesos de formación prelaboral de usuarios/as atendidos polos técnicos municipais. O convenio establece que tanto Benestar Social como a UAD poderá derivar ao centro de atención continuada usuarios/as que estean en programas de deshabituación de procesos de drogadicción ou presenten situacións de vulnerabilidade social non cubertas polas administracións públicas, para poder participar nas súas actividades e programas”.

Fundada en 1994, Rexurdir Provincial conta no seu centro da rúa Cruceiro cun psicólogo, un técnico en integración social, unha avogada e unha auxiliar. A achega realizada polo Concello vai destinada a sufragar os gastos de persoal, así como calquera outro gasto necesario para o mantemento e funcionamento do centro, tales como subministracións de auga, electricidade, teléfono, acceso a internet, saneamento, alugueiro ou compra de alimentos e outros similares.

FERRAMENTAS ESENCIAIS. O convenio de colaboración subscrito coa Asociación Down Pontevedra Xuntos permitirá financiar o desenvolvemento dos seus proxectos de inclusión educativa e promoción da autonomía persoal das persoas con Síndrome de Down. Tino Fernández asegura que, entre os obxectivos específicos do programa educativo “atópanse os de motivar e favorecer a adquisición da lectura; comprender ás instrucións escritas; acadar un mellor desenvolvemento da psicomotricidade fina; favorecer a adquisición das aprendizaxes lóxico-matemáticas necesarias para a vida cotiá, e elevar a autoestima do usuario/a e a motivación pola aprendizaxe”.

Marcos Rey destaca "o encomiable labor que Xuntos desempeña en Pontevedra, mellorando a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down"

“Para isto, o programa estrutúrase en dúas partes: unha área de Logopedia, esencial para que os usuarios poidan comunicarse, acaden unha estrutura lóxica da linguaxe e obteñan unha produción articulatoria o máis normalizada posible; e unha área de Apoio Educativo, na que se traballa fundamentalmente o reforzo das aprendizaxes instrumentais básicas (lectura, escritura e cálculo) e o progresivo desenvolvemento do razoamento lóxico e a mellora da autoestima”, sinala Fernández.

Os destinatarios do programa de inclusión educativa e de promoción da autonomía persoal, que se desenvolve na sede social situada na rúa do Gorgullón, son persoas con Síndrome de Down con idades comprendidas entre os 3 e os 21 anos. O persoal que presta as actividades no centro está composto por unha coordinadora da entidade en colaboración do equipo interdisciplinar da entidade; unha persoa de apoio ao educador/a, un educador/monitora e un profesional da xestión administrativa (a asociación conta ademais en cada momento con persoal voluntario axeitado para a prestación da súa programación).

Marcos Rey destaca “o encomiable labor que Xuntos desempeña en Pontevedra, mellorando a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down, potenciando o pleno desenvolvemento das súas capacidades individuais e favorecendo a súa integración familiar, escolar, laboral e social”. “A colaboración do Concello de Pontevedra coa asociación que preside Manuel Pérez Cabo viuse reforzada desde o ano 2013 -lembra o concelleiro de Benestar Social- coa formalización dun convenio de colaboración mediante o cal dita entidade recibe unha subvención anual para a execución dun programa de actividades cuxos resultados están a ser moi satisfactorios”.

Rey subliña que Down Xuntos tamén presta “apoio psicolóxico ás familias das persoas con Síndrome de Down e fomenta aquelas políticas de discriminación positiva que promoven a inserción a tódolos niveis, dirixindo as súas accións á difusión e mentalización da sociedade de cara á integración deste colectivo”.

Comentarios