Pontevedra asina o contrato para a creación da plataforma dixital do transporte a demanda

As empresas encargadas do proxecto terán un ano para desenvolvelo

Presentación do proxecto da plataforma para xestionar o transporte a demanda en Pontevedra. CONCELLO
photo_camera Presentación do proxecto da plataforma para xestionar o transporte a demanda en Pontevedra. CONCELLO

Unha unión temporal de empresas (Ute) formada por tres firmas creará a plataforma dixital coa que se controlará o transporte a demanda en Pontevedra, para o que disporán de doce meses e terán un presuposto de 266.587 euros. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este venres a representantes das compañías, nun encontro que, coa sinatura do contrato, serviu para dar un paso "moi importante" de cara a contar co servizo.

Salientouno así o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, quen asegurou que o sistema de transporte a demanda está a desenvolverse como "unha carreira de fondo e que a través de varias etapas nos levará a que a finais de 2022 ou comezos de 2023 estea operativo".

Co novo sistema, os usuarios deberán chamar a unha central de reservas a través da web ou da app para solicitar con antelación rutas á carta

Con ese horizonte, desenvolverán a plataforma dixital Demesix, Sicom e Zitycard, que conforman unha Ute con maioría galega. O proxecto está financiado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder).

O elemento central do seu traballo será crear unha plataforma dixital de vehículos compartidos que permitirá coordinar os servizos de mobilidade a demanda, xestionado a través dunha central de reservas nas que o cliente realizará a reserva anticipada o día anterior, vía web, aplicación ou teléfono. Os servizos organizaranse en tramos horarios con frecuencia prefixada, optimizando a ruta do atuotaxi que prestará o servizo. Como salienta o Concello, búscase así dar unha resposta de mobilidade aos veciños das zonas periurbanas e rurais con menor cobertura do transporte público.

Ademais, a plataforma poderá ofrecer ao usuario información sobre o tráfico de peóns ou a ocupación dos estacionamentos da cidade.

Comentarios