jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

Pontevedra aspira a acoller o primeiro Campionato Galego de Pinchos e Tapas

Encontro de Blanco e Puentes cos responstables das entidades gastronómicas en Fitur. DP
Encontro de Blanco e Puentes cos responstables das entidades gastronómicas en Fitur. DP

Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes mantiveron un encontro cos responsables de Capital Española da Gastronomía e da Academia da Tapa e do Pintxo

A aposta de Pontevedra por ser un referente en materia gastrónica segue sumando proxectos. Así é que, ademais de aspirar a converterse na Capital Española da Gastronomía en 2023, a cidade postúlase para ser tamén a sede do I Campionato Galego de Pinchos e Tapas para cociñeiros.

Apuntárono a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que na visita en Madrid á Feira Internacional de Turismo, Fitur, chegáronse ao stand da Capital Española da Gastronomía (CEG) para manter un encontro co seu director xeral, Pedro Palacios, e o presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, Mikel Martínez. Fixérono acompañados das responsables da firma Carta Blanca, Marga Pazos e Elena Vitoria.

Na xuntanza, segundo informan os edís, os representantes destas entidades gastronómicas españolas enxalzaron os "valores" e "consistencia" do proxecto que está a desenvolver o Concello a través da marca Pontevedra Capital Gastro. E Blanco e Puentes amosaron os "galóns e potencialidades" que posúe a cidade de cara a converterse en Capilta Española da Gastronomía e tamén en sede do campionato.

Tras este encontro no Ifema, a socialista Yoya Blanco lembrou que a Concellería de Promoción Económica e Turismo ten por diante un intenso traballo ata o mes de novembro, no que se agarda coñecer se Pontevedra acada o título de CEG 2023, e asegurou que quedou cunhas sensacións "extremadamente positivas" da reunión.

O nome da Capital Española da Gastronomía coñecerase previsiblemente en novembro

A concelleira cualificou de "moi interesante" a proposta plantexada polo presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, que vén de celebrar un campionato en Castilla y León, para que Pontevedra acolla a primeira edición en Galicia. "En Pontevedra temos xa todos os anos o Pontedetapas e contamos con xente moi potente que se dedica á tapa e o pincho, polo que imos apostar por poñer en valor esta liña de traballo", afirmou Blanco.

Mikel Martínez sinalou, pola súa banda, que idea sería xuntar "uns 40 ou 50 cociñeiros de toda a comunidade" para que compitan polo premio ao mellor pincho e ao mellor cociñeiro de pinchos e tapas de Galicia. "Por que Pontevedra? Pois porque xa ten uns vimbios no que se refire a valores turísticos e gastronómicos que lle permiten aproveitar mellor que outras cidades o que pode achegar un evento gastronómico destas características, que serve para promocionar a gastronomía galega e algo tan noso como os pinchos e as tapas", apuntou Martínez.

CAPITAL DA GASTRONOMÍA. Pola súa banda, Pedro Palacios explicou que no proceso para outorgar o título de Capital Española da Gastronomía "o único que pesa é a opinión do xurado, que se reunirá entre outubro e novembro para avaliar a proposta, o programa de actividades, as ideas e garantías que achega e os valores gastronómicos dunha hostalería e duns produtos de calidade dunha cidade que é amable co visitante e que ademais desenvolveu unha política turística que compartimos". 

"O traballo realizado en Pontevedra ata data é moi importante e seguramente vai influír no xurado de xeito positivo", apuntou.

Pontevedra aspira a acoller o primeiro Campionato Galego de Pinchos...
Comentarios