Pontevedra baila unha muiñeira multitudinaria

Duos Pontes reúne a máis de 400 participantes no XLV Día da Muiñeira, no que A Buxaina de Vigo actuou como grupo convidado
Participantes no XLV Día da Muiñeira
photo_camera Participantes no XLV Día da Muiñeira

Agrupacións de Pontevedra, Bueu, Cangas, Moaña e A Estrada participaron o venres no XLV Día da Muiñeira, unha iniciativa do grupo de música e baile tradicional Duos Pontes que reuniu este ano a máis de 400 participantes, segundo datos facilitados pola organización. "Esta actividade, cita de referencia, converte a avenida de Montero Ríos nun grande escenario que dá cabida a centos de persoas de todas as idades para homenaxear o baile galego", indica o Concello de Pontevedra, que colabora no evento a través da Concellería de Cultura.

Este ano, o grupo etnográfico A Buxaina de Vigo foi o convidado especial da proposta. Estivo actuando na avenida paralela á Alameda en tanto foron chegado os participantes. Interpretou as pezas ‘Polavila do Courel’, ‘Muiñeira Vella de Limiñoa’, ‘Maneo de Limiñoa’ e Muiñeira de Liñares’.

Dependendo das idades, os participantes bailaron a Muiñeira Mariñán, a Muiñeira de Fozara e a Muiñeira de Mandiá

Pero os actos centrais do Día da Muiñeira comezan antes, cando, a partir das sete da tarde, se comezan a concentrar os grupos participantes na Praza do Teucro. Dende aí sae, a iso das oito da tarde, o desfile de bailadores cara Montero Ríos, pasando polas rúas Princesa, Isabel II, Pai Sarmiento, Praza de Méndez Núñez, Don Gonzalo, Praza de Curros Enríquez, Fernández Villaverde e Michelena.

A última hora da tarde é cando dá comezo a demostración dos participantes coa interpretación, por parte dos gaiteiros de Dúos Pontes, da Muiñeira Mariñán, para os menores de oito anos; da Muiñeira de Fozara, para os cativos de entre oito e tree anos; e da Muiñeira de Mandiá, para os maiores de trece.

FIN DE FESTA. A festa remata coa interpretación dunha muiñeira, dunha jota e dun pasodobre para que todo o que queira participar do Día da Muiñeira poida facelo.

A xornada, que inclúe unha programación previa de actividades, na que hai dende unha palillada ata un ciclo de conferencias e actuacións, é "unha celebración xa tradicional na cidade, a través da que se pretende achegar a toda a cidadanía un aspecto tan importante da cultura propia como é o folclore, a través do baile máis representativo da nosa tradición", segundo explica Duos Pontes. Esta agrupación, fundada no ano 1942, é unha das máis antigas da cidade.

Comentarios