"Non tocarán nin un só dos avances que tanto nos custou acadar ás mulleres"

As feministas da cidade únense ás mobilizacións estatais como resposta ao avance da extrema dereita ▶Centenares de homes e mulleres encheron a Praza da Peregrina

"Abaixo co patriarcado que vai caer, que vai caer. Arriba co feminismo que vai vencer, que vai vencer". A ritmo de pandeireta, con coreografías reivindicativas e cánticos a prol da igualdade, as mulleres de Pontevedra saíron este martes á rúa para unirse ás mobilizacións convocadas en todo o Estado como reacción ao avance da extrema dereita no panorama político. Fixérono nunha concentración que reuniu na Praza da Peregrina a centos de persoas que recordaron que "os dereitos das mulleres non se negocian".

"Non poden, por moito que mintan, negar a existencia desta violencia patriarcal que nos asasina ás mulleres"

As protestas coincidiron co discurso de investidura de Juan Manuel Moreno no Parlamento andaluz despois de ter recabado o apoio de Ciudadanos e o partido de extrema dereita Vox. Os postulados desta última formación, que cuestionan a Ley Orgánica de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Género e que esixiron a creación dunha Consejería de Familia, provocaron a indignación dos movementos feministas a nivel español e Pontevedra non foi allea a estas protestas.

Algunhas das manifestantes animaron a concentración a ritmo de pandeireta. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

"Non imos consentir que se negocie cos dereitos das mulleres nin que se toque nin un só dos avances que tanto nos custou acadar", explicaban este martes as feministas pontevedresas no manifesto que leron. Así, a mobilización estaba pensada como unha forma de apoiar ás mulleres andaluzas e foron os colectivos feministas da sociedade civil pontevedresa os que convidaron a concentrarse este martes. Á protesta uníronse tamén representantes políticos a nivel local e provincial do PSOE e de En Marea.

"Parécenos ben que Feijóo se desmarque, pero a experiencia dinos que temos que estar tamén en alerta en Galicia"

A loita contra a violencia machista centrou boa parte das queixas. "Non poden, por moito que mintan, negar a existencia desta violencia patriarcal que nos asasina ás mulleres polo mero feito de selo", denunciaron as feministas.

Do mesmo xeito, as mulleres concentradas o martes en Pontevedra chamaron tamén a atención aos políticos galegos. "Parécenos moi ben que o señor Feijóo saia a desmarcarse dos que queren derogar a lei contra a violencia de xénero, pero a experiencia dinos que temos que estar en alerta tamén en Galicia", remataron.

Os preparativos de cara ao Día da Muller auguran outra xornada histórica
A concentración deste martes, convocada por mulleres anónimas co apoio de diferentes colectivos e difundida polas redes sociais, contou coa presenza de numerosas persoas. Mobilizacións como esta e as reunións previas que se están a celebrar por toda Galicia para preparar os actos do próximo 8 de marzo auguran que este ano o Día das Mulleres volverá ser unha xornada histórica de loita feminista.

O Colectivo Feminista de Pontevedra prepara tamén para as próximas semanas encontros e reunións nas que se aceptarán propostas de cara á organización dos actos reivindicativos do 8 de marzo.

Comentarios