
Lores participa no Encontro Internacional de Cidades e Territorios Positivos convidado por Carlos Moreno, asesor da alcaldesa da capìtal francesa
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou este sábado no LH Forum, o Encontro Internacional de Cidades e Territorios Positivos, organizado pola Fundación P+sitive Planet na localidade francesa de Le Havre.
O convite dirixido ao alcalde de Pontevedra foi cursado por Carlos Moreno, (científico e catedrático de Territorio da Sorbona) asesor da alcaldesa de Paríns, Anne Hidalgo. O alcalde mantivo esta mañá un encontro con el e con Jacques Attali, que lle propuxeron viaxar a París a finais de novembro para participar nun encontro internacional sobre a pegada de carbono nas cidades e o medio ambiente urbano.
Unha nota enviada polo gabinete de comunicación do Concello de Pontevedra sinala que Fernández Lores asistiu ao congreso dende primeira hora da mañá e puido "comprobar gratamente" a relevancia que a Boa Vila está a ter no congreso. Tamén mantivo contactos con outros alcaldes, como o de Grenoble, Éric Piolle, xa coñecido polo rexedor pontevedrés.
A economía positiva, segundo P+sitive Planet, é a que promove o crecemento responsable, sostible e inclusivo, que respecte o medio ambiente e sirva á sociedade. Un dos seus compromisos é reunir aos actores que teñen un impacto positivo para as xeracións futuras, crear conciencia sobre as iniciativas positivas que existen en todo o mundo e apoiar ás nacións, territorios e empresas na súa transformación positiva. Este é o marco no que o alcalde impartiu na tarde deste sábado a conferencia de clausura do Forum, acompañado de Jacques Attali, e o alcalde de Le Havre, Luc Lemonnier.