Pontevedra cae rendida ante Novos Cinemas

A programación do Festival Internacional de Pontevedra multiplícase na súa recta final. Ademais das diferentes proxeccións, a penúltima xornada inclúe encontros, actividades infantís, música en directo e a estrea en España do último filme de Bas Devos
O cineasta belga Bas Devos, este sábado, presentando a súa última película no Teatro principal. DAVID FREIRE
photo_camera O cineasta belga Bas Devos, este sábado, presentando a súa última película no Teatro principal. DAVID FREIRE

Pontevedra réndese ante a actividade frenética do Festival Internacional Novos Cinemas, que onte, na súa penúltima xornada, incluíu, ademais das diferentes proxeccións, encontros de distinto tipo, un obradoiro infantil, música en directo e a estrea en España do último filme do director Bas Devos

A película Ghost Tropic, que pechou o penúltimo día do festival, foi o último título que se puido ver dentro do ciclo que o evento lle adicou a modo de homenaxe ao cineasta belga. Ademais deste filme, Novos Cinemas tamen proxectou Violet e Hellhole nuns pases que foron seguidos de coloquios co director. 

O Teatro Principal tamén acolleu onte as últimas proxeccións tanto da sección Latexos, adicado ao cine que se fai de xeito amateur, De los nombres de las cabras, de Silvia Navarro e Miguel Morales, inédito en Galicia, e Enero, de Ione Atenea, como da sección oficial, Douze Mille, de Nadège Trebal (Francia) e L’île Aux Oiseaux, de Maya Kosa e Sergio da Costa (Suíza).

Máis alá da exhibición de películas, da programación tamén formou parte, na Casa das Campás, un encontro no que representantes de tres festivais, Álvaro Dosil (Curtocircuíto), Marcos Nine (Cinema Crianza) e José Luis Cienfuegos (Festival de Cine de Sevilla), "compartiron as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas educativos e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo", segundo informou o festival. 

TALLER ABIERTO. Ademais, no Museo de Pontevedra, o colectivo Taller Abierto impartiu "un obradoiro no que se propuxo a construción dunha animación experimental protagonizada por coñecidos personaxes cinematográficos que reviviron mediante a tecnoloxía do GIF". 

Finalmente, Novos Cinemas tamén incluíu, na Casa da Luz, a presentación pública de Cinegalicia 2019 (un proxecto multidisciplinar que conmemora o 30º aniversario da estrea de tres títulos clave do audiovisual galego, Continental, Sempre Xonxa e Urxa), que se complementou cun concerto de Oh! Ayatollah.

Comentarios