Pontevedra cambia a súa paisaxe nocturna

As obras de instalación lumínica na ponte das Correntes, na dos Tirantes e na pasarela peonil da Illa das Esculturas rematan a vindeira semana e estará operativa a principios de 2021
undefined
photo_camera Proba da iluminación ornamental na ponte das Correntes. CONCELLO DE PONTEVEDRA

"O ano 2021 vaille traer a Pontevedra un cambio na súa paisaxe nocturna", asegura o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, en referencia á entrada en funcionamento da iluminación ornamental en catro pontes da cidade. As obras de instalación lumínica na ponte das Correntes, na ponte dos Tirantes e na pasarela peonil da Illa das Esculturas estará rematada a finais de ano e a comezos de xaneiro realizaranse probas nocturnas para axustar a iluminación e harmonizala coa que xa está operativa na ponte do Burgo.

O concelleiro de Obras asegurou que as obras que están a piques de rematar son "froito do traballo avanzado e de primeira liña mundial que realiza a empresa Setga e que a todos e todas ten que facernos sentir moitísimo orgullo". Convén lembrar que Setga tamén se ocupara do proxecto de iluminación da ponte do Burgo, para o que deseñara elementos ad hoc respectando tanto o patrimonio como o medio, cunha instalación acorde cos estándares de redución da contaminación lumínica e da emisión de fluxos luminosos, e que agora tamén se aproveitan nas outras tres pontes.

Tras o remate das obras, a comezos de xaneiro realizaranse probas nocturnas para axustar a iluminación de cada unha das pontes e tamén para harmonizala no seu conxunto. Así, a ponte das Correntes, tal e como estaba previsto, contará con 106 proxectores Led RGBW en pezas de aceiro inoxidable e con control único programable. Isto quere dicir que contará cun sistema de acendido de luces de cores similar ao que se instalou na ponte do Burgo. Deste xeito, o espectáculo ornamental con luces de cores que se realiza cada noite durante cinco minutos na ponte do Burgo tamén se realizará, no mesmo horario e durante o mesmo tempo, na ponte das Correntes. O resto do tempo, as catro pontes permanecerán iluminadas con luces brancas.

Na ponte dos Tirantes quedarán instaladas luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas, substituíndo os proxectores actuais, e tamén se iluminará o taboleiro.

O proxecto de iluminación foi adxudicado á empresa Setga por un orzamento de 430.000 euros

Comentarios