Charlas, obradoiros, xornadas profesionais e exposicións protagonizaron a xornada inaugural da primeira edición do encontro de banda deseñada BDra Gráfica, que converte a Pontevedra na capital galega do cómic esta fin de semana.
Tres autoras de diferentes estilos e xeracións foron as encargadas de inaugurar a iniciativa: Ana Miralles (creadora homenaxeada este ano, responsable do cartel da xornadas e protagonista dunha das exposicións), Alicia Jaraba e Laura Pérez. Miralles compartiu coloquio con Emilio Ruiz Zavala e Jaraba con Víctor Pinel. Ademais, o Teatro Principal (andar superior) tamén acolleu diferentes obradoiros dirixidos á rapazada.

A outra sede de BDra Gráfica, o Museo de Pontevedra, acolleu a apertura ao público de dúas exposicións. Unha delas está dedicada ao traballo de Ana Miralles. Titúlase 'A sedución do grafito'. A outra é 'Onda vital' e está composta por cels (follas semitransparentes nas que se debuxa no proceso previo ao desenvolvemento dunha animación) da serie 'Dragon Ball'. As dúas mostras, instaladas no Edificio Sarmiento, permanecerán abertas ata o 9 de abril.

Tamén no Museo comezaron a desenvolverse as xornadas profesionais de banda deseñada que, onte, reuniron nunha mesa redonda ás mencionadas Miralles e Jaraba con Miguelanxo Prado, José Ángel Ares, Anabel Colazo e Kiko da Silva.

A programación de BDra Gráfica, unha iniciativa do debuxante e director da escola de O Garaxe Hermético, Kiko da Silva, continúa ata mañá no Principal e no Museo. Entre outras cousas, este sábado pola mañá hai previstas presentacións de 'Xinfu', de Adrián Morgade, e 'Miquits', de Alba de Evan, Xabier Domínguez e Paula Cheshire. Pola tarde haberá charlas de José Ángel Ares e Anabel Colazo e de Antonio Altarriba. Ademais, no segundo andar do Principal hai instalados postos de varias editoriais e de tres librerías.