Pontevedra celebra en maio o mes da lingua

O Concello agrupa medio de centos de actividades abertas ao público nunha programación centrada no idioma
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, mostrando o cartel das actividades
photo_camera O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, mostrando o cartel das actividades

Medio cento de actividades entre proxeccións cinematográficas, roteiros, actuacións musicais e propostas divulgativas compoñen a programación 'Maio, mes da lingua', que o Concello de Pontevedra desenvolve arredor do idioma, aproveitando as semanas anteriores e posteriores á celebración do Día das Letras Galegas. As propostas, que comezaron estes días, prolongaranse ata finais do mes de maio. "O noso obxectivo é recompilar nun mesmo programa, que permita ver a un golpe de vista, todas as actividades que o Concello promove arredor da lingua", dixo onte, na presentación das propostas, o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

O concelleiro lembrou que esta programación inclúe seis grandes iniciativas non deseñadas especificamente para 'Maio, mes da lingua', pero moi relacionadas co seu espírito: o festival musical Galegote Rock; o maratón fotográfico que se celebra na cidade e que este ano ten como lema 'Saca a lingua'; o programa Apego; o Correlingua; os certames escolares Ben Veñas, Maio e a celebración do Día das Letras Galegas. No mesmo sentido, Oubiña destacou que 'Maio, mes da lingua' conta coa colaboración de máis de dez entidades e asociacións, que van dende os veciños do Burgo e Cedofeita ao cineclub da cidade, pasando pola Escola de Idiomas ou o sindicato CIG Ensino.


Proxeccións cinematográficas, paseos literarios e concertos forman parte das propostas


A todas as propostas hai que sumar, ademais, os obradoiros que Normalización Lingüística realiza todo o ano nos centros escolares. "En definitiva, do que se trata é de compoñer unha programación transversal, en colaboración con outras concellerías e colectivos, porque a lingua é algo que nos afecta en todas as facetas da vida", sinalou Conchi Cochón, do equipo de Normalización do Concello.

SEIS BLOQUES. Alberto Oubiña resumiu a programación resaltando seis grandes bloques. En primeiro lugar falou de Apego, unha iniciativa dirixida ás familias con cativos de ata seis anos que axuda a promover a crianza en lingua galega a través de xogos, cancións e outras propostas de carácter afectivo. En segundo lugar, o concelleiro mencionou os paseos literarios que se realizarán da man da xornalista de Onda Cero Susana Pedreira. O 9 de maio camiñará pola cidade xunto a alumnos do IES Sánchez Cantón e o 23, xunto ao guía Roberto Rivas.

O terceiro gran apartado é o adicado ao cinema, "unhas proxeccións especialmente importantes que nos serven para significar a dificultade que ten un cidadán para poder ver unha película en galego en Galicia", explicou Conchi Cochón. En colaboración co cineclub proxectaranse A esmorga, de Ignacio Vilar (8 de maio); Psiconautas, de Alberto Vázquez (15); o documental Os días afogados (29); o traballo audiovisual de Gonzalo Veloso para este 17 de maio, Contando a Carlos Casares (16), e a estrea do docu-drama Castelao: de chumbo a verba, de Miguel López (20).

Ademais do documental de Veloso, Carlos Casares, o autor homenaxeado este 17 de maio, protagonizará boa parte das actividades divulgativas de 'Maio, mes da lingua'. Esta é o cuarto bloque que destacou Oubiña, que lle adicou outro ao propio Día das Letras Galegas, no que a asociación O Burgo se volverá encargar, como é habitual, de organizar as actividades centrais da xornada.

O concelleiro rematou o seu repaso falando das propostas musicais: o festival Galegote Rock, que as inaugurou hai uns días e que celebra hoxe o seu día central con actuacións pola rúa ao longo de toda a xornada; o concerto de Superoito, que organiza a agrupación xuvenil do BNG, Galiza Nova, e que ten lugar o 13 de maio, na praza das Cinco Rúas, e a actuación de Caruma do 16 de maio, no Teatro Principal.

Comentarios