Pontevedra celebrará o Día dos Museos cunha intervención colectiva no Edificio Castelao

Creadoras como Itziar Esquieta e María Paz iniciarán a actividade na cristaleira do inmoble
Intervención de Manuel Moldes na cristaleira do Museo en 2017. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Intervención de Manuel Moldes na cristaleira do Museo en 2017. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha gran intervención artística colectiva na cristaleira do Edificio Castelao serviralle ao Museo de Pontevedra para celebrar o 18 de maio, Día Internacional dos Museos. Segundo informou a Deputación, ademais deste acto, o Museo acollerá visitas guiadas e música en directo tanto o propio martes como o resto da semana.

Así, o día central da celebración que este ano ten como lema O futuro dos Museos: recuperar e imaxinar, realizarase unha actividade creativa colaborativa "buscando activar o espazo do museo como lugar de acción aberto e participativo", informa a Deputación. Invitarase a diferentes axentes sociais e culturais da cidade (Amencer, Xuntos, Juan XXIII, ASSEI, Taller Abierto e a Facultade de Ciencias da Educación), así como a calquera persoa que queira, a imaxinar o museo do futuro e a plasmar a súa idea na cristaleira do edificio. Será a segunda vez que se faga un intervención deste tipo nese espazo. A primeira realizouna o pintor Manuel Moldes, en 2017, con motivo da gran exposición que protagonizou aquel ano.

Esta acción colectiva organizada agora polo Museo, desenvolverase en dúas fases. Unha primeira, encargada ás creadoras Itziar Ezquieta, Begoña Paz, María Paz, María Covadonga e Laura Otero, que serán as encargadas de iniciar a intervención. A continuación, de 11.00 a 19.00 horas, pintarase a parte colectiva, á que poderá sumarse todo o que o desexe.

Ademais, o mesmo martes aumentarase a frecuencia de visitas guiadas (con inscrición previa sempre) e haberá un recital de piano a cargo de María Domínguez Pérez (ás 13.00 e ás 20.00). Todas as actividades son de balde.

Visitas guiadas e Laura Lamontagne
A programación especial do Museo de Pontevedra terá continuidade toda a semana. O día 19 (18.00) haberá unha visita guiada ás coleccións. O xoves 20 ábrese ao público a mostra Galicia, de Nós a nós e haberá visitas a San Domingo (12.00) e ás coleccións permanentes (18.00). O venres 21 (18.00) repítese a visita guiada ás coleccións. E o sábado 22 haberá visita a Galicia, de Nós a nós (12.00) e un concerto de Laura Lamontagne (22.00). Todo de balde, pero con inscrición previa en 986804100 e [email protected].

Comentarios