"Pontevedra é unha cidade con memoria"

A homenaxe aos fusilados do 12 de novembro dálle voz á mocidade, que reivindica as políticas "contra o silencio" e o "nunca máis" do franquismo ► BNG e PSOE respaldan o acto; o PP, ausente
Nenos deixando flores na homenaxe aos fusilados. DAVID FREIRE
photo_camera Nenos deixando flores na homenaxe aos fusilados. DAVID FREIRE

"Pontevedra é unha cidade con memoria. Levamos traballando nesta idea xa décadas. É un deber ético e político e nunca o deixaremos de lado". O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou así aos dez pontevedreses que o 12 de novembro de 1936 foron fusilados polos fascistas por defender valores democráticos. Fíxoo na homenaxe ás vítimas da ditadura que onte volveu reunir na Pasarela de José Adrio Barreiro a ducias de cidadáns.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, foi o encargado de abrir un acto que contou coas actuacións musicais do grupo Lerze e no que se reivindicou a "xustiza, a memoria e a reparación" de todas as vítimas do franquismo.

A xornada organizada polo Concello deulle voz á xente nova, por boca de Uxía Couto, en representación da Mocidade Galega pola Memoria. "Non debemos esquecer nunca os seus nomes", dixo Couto, que lembrou, un por un, aos asasinados aquela xornada: Amancio Caamaño, Telmo Bernárde, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, Ramiro Paz, José Adrio, Víctor Casas e Juan Rico. "Debemos manter a memoria viva e loitar contra o silencio", sinalou a portavoz do nomeado colectivo, que proclamou que "Pontevedra non esquece" ao tempo que reclamou o "nunca máis" do franquismo.

Lores e membros da Corporación municipal durante a homenaxe. DAVID FREIRE
Lores e membros da Corporación municipal durante a homenaxe. DAVID FREIRE

"Non haberá silencio. Non quedaremos calados. Non daremos un paso atrás", subliñou Lores, que afirmou que a sociedade e as institucións teñen unha "débeda" con estas familias, "que aínda cargan cunha dor que xa dura máis de 80 anos". "Quixéronas desprestixiar, quixéronas silenciar, non lles permitiron chorar, non lles permitiron celebrar un funeral, roubáronlle bicos, apertas... tal foi o odio que nin flores nunha tumba puideron poñer", lembrou.

"Rapadas e violadas"

O acto, que rematou coa tradicional ofrenda floral diante da escultura de Sergio Portela que preside a zona dende 2014, contou coa participación de distintos cargos públicos do BNG e do PSOE. Entre eles estaban a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández; os edís Yoya Blanco e Iván Puentes; os deputados Luís Bará, Paloma Castro, Marica Adrio e Guillermo Meijón. A homenaxe, que contou cunha intérprete en linguaxe de signos da asociación Xoga, non contou con ningún membro do PP. É o terceiro ano consecutivo que o principal partido da oposición non acode a esta cerimonia.

"É posible que todo o que fagamos polas vítimas do 12 de novembro sexa insuficiente, así como outras do franquismo que continúan en fosas comúns, baixo terra, desaparecidas. Repito, e penso seguir repetíndoo con todas as miñas forzas: o Concello de Pontevedra nunca deixará de traballar á hora de loitar contra esta inxustiza, contra este esquecemento e contra ese odio.

Asistentes á homenaxe aos fusilados. DAVID FREIRE
Asistentes á homenaxe aos fusilados. DAVID FREIRE

Estaremos sempre ao lado das vítimas e do recoñecemento que se lles debe", reclamou o alcalde de Pontevedra, que tamén fixo alusión a outros represaliados pola ditadura de Francisco Franco. "Cómpre lembrar tamén a aqueles que non morreron, pero si sufriron a violencia e a barbarie: as persoas que acabaron na cadea, as aldraxadas, as rapadas, as violadas, as castigadas, as perseguidas... A todas as familias enteiras que, durante décadas, padeceron humillación, do e silencio. Hoxe tamén estamos con vós", recalcou.

Dez nomes que "brillan na noite máis escura"
Foron dez os fusilados o 12 de novembro de 1936 en Pontevedra. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pronunciou onte "con orgullo e emoción os seus nomes, para que brillen na noite máis escura".

O acto de homenaxe do Concello lembrou aos médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana; aos mestres Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rey Pavón; ao editor e impresor Ramiro Paz Carbajal; ao avogado José Adrio Barreiro; ao xornalista Víctor Casas Rey e ao militar e capitán Juan Rico González.

Asasinados na Caeira
Onte cumpríronse 86 anos dende que estes dez homes foran asasinados polo fascismo na Caeira (Poio). Tres meses antes, o 17 de agosto de 1936, Alexandre Bóveda foi fusilado no mesmo lugar.

Comentarios