E este mércores...

Pontevedra, cidade pirata

O espectáculo do Entroido na honra de Benito Soto estrea barco da man da agrupación Vamos a Todo, que construíu a nova embarcación do exército francés

O son da batucada e o cheiro a pólvora anunciaba que a de este martes era a Noite Pirata do Entroido de Pontevedra. O espectáculo, que recrea unha loita entre o corsario da Moureira Benito Soto e unhas tropas dos exércitos francés e inglés que veñen a apresalo, chegou á súa sexta edición, correndo de novo a cargo de Troula, de Combrus e da asociación Casco Vello. Este ano contou ademais cunha incorporación, a da agrupación Vamos a Todo, que se encargou de construír en Pontevedra unha das embarcacións que se utilizan no show. En concreto a dos franceses, o Trois Mers.

Esta nave era a que saía da rúa Benito Corbal, mentres a fragata inglesa, a Morning Star, o facía da praza de Méndez Núñez. Xuntáronse  na praza da Ferrería, ás dez e pico da noite, para agardar a chegada de Benito Soto, ao que acompaña o maior número de público dende a praza de España. Mentres esperaban foron quentando o ambente con fogos artificiais e arengas a favor de Napoleón e da Raíña Victoria, e contra o criminal pontevedrés. Este chegaba finalmente a bordo do Burla Negra. "Ingleses e franceses da man. Nunca pensei tal cousa de vós", saudábaos. "¡Benito, réndete!", lle indicaban. "Nós somos piratas. Loitamos ata o final. Nunca nos rendemos. ¡Antes morremos!", contestaba o corsario. Coa axuda dos nenos da Ferraría, Soto cargou contra os seus inimigos e venceunos. "¡Pontevedra, a vila é nosa!", berraba. "Voltaremos, Benito. ¡Voltaremos!", tivo por resposta.

Coa batalla rematada, chegou a festa. Pola rúa actuaron Os da Caña, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Os 100 Tolos, Os Paparrulos, Os Canecos, Amoriños de Bora, Vamos a Todo e Equipo Ja.

Comentarios