Eva Villaverde: "Pontevedra é unha cidade segura"

A concelleira de Protección Cidadá e de Mantemento de Espazos Públicos asegura que a partires da semana que vén retomarán a súa actividade a maior parte dos negocios de hostalaría da cidade
Eva Villaverde. JAVIER CERVERA
photo_camera Eva Villaverde. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Sentido común e responsabilidade". É o que lle pide a concelleira de Protección Cidadá e Mantemento de Espazos Públicos de Pontevedra, Eva Villaverde (Moraña, 1977), á cidadanía. «Os pontevedreses e pontevedresas demostraron sentido común e responsabilidade en todo momento. Loxicamente hai excepcións», aclara a edil do BNG nesta entrevista, na que repasa o traballo da súa área durante a pandemia.

Por que o Concello asegura que o modelo urbano de Pontevedra encaixa á perfección para que os veciños poidan saír á rúa mantendo a distancia de seguridade?

É unha evidencia. Este é un concello que prioriza ás persoas. O modelo urbano facilita que se dean as condicións para que haxa esa distancia de seguridade para coidar aos nosos veciños e veciñas.

A pesares de que houbo un mando único controlado polo Estado, como valora a actuación da Policía Local?

As medidas que teñen que ver co control da pandemia, como os operativos, non os deseñamos nós. Dependen da Subdelegación do Goberno. Polo demais, en xeral ben, porque non houbo grandes complicacións. Ao principio si, porque nos encontramos con algo descoñecido. Non houbo grandes conflitos porque a xente estivo confinada nas súas casas.

A Policía Local puxo máis de medio milleiro de denuncias. A veciñanza cumpriu neste estado de alarma?

En Pontevedra hai unha porcentaxe importante de denuncias que son a persoas reincidentes. Estas denuncias non son un indicativo de incumprementos xerais. Ao principio, as rúas estiveron baleiras. E só había saídas puntuais. A xente chamaba ao Concello para preguntar se podía saír da casa ou como podían facer algún recado. A xente cumpriu.

Que nota lle pon á Policía Local?

Non podo valorar o deseño de operativos que nós non fixemos. Pero no que ten que ver coa Policía Local eu doulle unha nota alta. Fixo un excelente traballo. A Policía Local foi prudente, estivo informando e sempre a disposición da xente.

E como valora a labor Protección Civil?

Se algo caracterizou ao departamento de Protección Cidadá durante este período foi a coordinación cos servizos sociais. E aquí entraban de cheo a Policía Local e Protección Civil, aos que felicitamos. Repartiron comida, atenderon a xente maior, a veciños que vivían sós…

Plantéxase algún tipo de recoñecemento público a este colectivo?

O recoñecemento público xa se lle fixo a Protección Civil. Non esquezamos que son un grupo de voluntarios. Estiveron a traballar baixo as ordes do Concello, con total disposición. Son voluntarios, polo que non cobran nada. O seu traballo merece un recoñecemento público. Xa houbo unha visita do alcalde ás súas instalacións. E non temos falado se haberá algo máis, pero loxicamente, téñeno ben merecido.

Estes días estanse a ver filas de xente agardando para tomar café nas terrazas. Como o valora?

É unha imaxe positiva. En primeiro lugar porque a xente quere volver a esa normalidade e, en segundo lugar, porque pon de manifesto a recuperación progresiva da actividade económica na hostalaría.

Valorase algunha medida para garantizar o distanciamento social coa apertura de máis locais de hostalaría?

Cada vez hai máis solicitudes de veladores e están abrindo máis locais. Iso é un bo sinal porque hai demanda. Moita hostelería tiña medo a abrir por se lle resultaba rendible. Agora están vendo que hai demanda. Onte (polo mércores pasado) tiñabamos 50 entradas novas de establecementos que queren abrir. A partires da semana que vén abrirá a maioría. Iso permitirá que haxa máis oferta e menos ansiedade por conseguir mesas.

Se se abren máis locais e se amplían as terrazas, como se compatibiliza a actividade económica co uso do espazo público por parte da cidadanía?

Aquí é onde volvemos ao do sentido común. O de todos: Concello, establecementos, veciñanza e clientela. Chegará un momento en que non será Pontevedra xa se está aproveitado o espazo a ese nivel. As ampliacións de terrazas faranse ata onde se poida porque hai que deixar espazo para outras actividades comerciais e para as persoas, garantindo as medidas de seguridade. O primeiro que temos que mirar neste estado de alarma é que se garden as medidas de prevención e de seguridade. O concepto do que partimos é que os hostaleiros que están pedindo a ampliación de veladores son privilexiados porque están facendo uso dun espazo que non é deles, senón de todos.

A hostalaría está pedindo axudas a nivel impositivo. O alcalde asegurou que se sería "magnánimo" na rebaixa das taxas de veladores. Haberá unha exención fiscal para os veladores?

Iso está enriba da mesa. Creo que hai que facer un esforzo nese sentido porque durante dous meses non puideron utilizar nin poñer veladores. Agora ben, eu tamén son moi responsable. Nós o que temos é que potenciar a actividade económica e fomentar todo aquilo que facilite a apertura de locais. E aí nos imos esforzar. O resto de medidas están enriba da mesa. Fomos dos primeiros concellos que presentamos unha moratoria para que ninguén, neste período de parón, tivese que pagar taxas ou impostos municipais.

A oposición pídelle máis xestos ao Concello...

Gustaríame que llos pedise ás administracións que son competentes nas mesmas materias na mesma dirección. No que ten que ver co Concello, xa o dixemos: imos facer ese esforzo cando saibamos as condicións que nos permitan facelo e a maneira para facelo.

Asústalle a campaña do verán e dos turistas? Ten o Concello algún plan específico para a chegada de visitantes?

O problema que temos é que, como en moitas outras cousas, o Concello non pode regular a mobilidade. Aí pouco podemos facer. A min gustaríame que se tivera moito coidado a este respecto. Se me asusta? Non. Hai que ir partido a partido en función das regras que teñamos en cada momento.

É Pontevedra unha cidade segura?

Si. Pontevedra é das cidades máis seguras polas condicións que temos.

Vostede é responsable de mantemento de espazos públicos. Esta pandemia provocou imaxes inauditas, como que a herba creza entre as pedras da zona vella... Hai algún plan específico para mellorar estas áreas?

Si. Neste momento estamos traballando a tope no mantemento dos espazos públicos, priorizando as zonas de maior tránsito peonil. Estamos no centro da cidade atendendo a todo aquilo que ten que ver coa accesibilidade e cos pavimentos con firmes deteriorados, así como nas sendas peonís. É certo que nalgunhas zonas teño visto verdín, algo inaudito. Eses tratamentos nunca foron necesarios polo tránsito da xente. Pero se vemos que hai algún problema con iso resolverémolo co traballo do servizo de limpeza

Comentarios