Pontevedra e a comarca sacan o seu lado máis terrorífico

As festas temáticas de medo e os disfraces volveron ser os protagonistas da véspera do Día de Todos os Santos. Este ano, o Samaín recuperouse en todo o seu esplendor tras a pandemia, reunindo a miles de persoas nos diferentes eventos celebrados na comarca

A choiva perdoou, pero o que non o fixo foi o medo e, sobre todo, as ganas de volver a divertirse. A comarca de Pontevedra volveu celebrar este luns o día máis terrorífico do ano, o Samaín, sendo o primeiro festexo poscovid sen restricións de ningún tipo. Por iso, as festas que se celebraron nos diferentes puntos da área pontevedresa ateigáronse de xente disposta a volver á celebración por todo o alto.

Marín

Miles de persoas chegadas de toda Galicia congregáronse en Marín para gozar do Samaín Briz, unha cita que xa é toda unha referencia. A música e a animación por parte de persoaxes realmente terroríficos asustaron aos asistentes a este evento, que na súa programación contaba con tres percorridos de medo diferentes. DAVID FREIRE
O Samaín Briz convértese no maior parque temático da provincia. DAVID FREIRE

O punto de referencia da noite de Halloween –na súa versión máis ianki–, e como xa o vén sendo dende tres anos antes da pandemia, foi Marín co seu Samaín Briz, un evento que atraeu a miles de persoas de diferentes lugares de Galicia. Dende a apertura de portas non deixou de pasar xente polo Parque dos Sentidos, totalmente abarrotado ata o fin de festa. De feito, dende o Concello de Marín e o resto da organización consideran que se superou a cifra de asistencia da última edición, contándose por miles.

Este ano, a diferenza do 2019, o Samaín Briz contou con tres rutas de medoTúnel das Ánimas, Nidos do Terror e O San Martiño– que encandilaron a todos os asistentes, que se implicaron coa festa vestindo as súas galas máis terroríficas. Bruxas, demos, pantasmas, noivas cadáveres e os tradicionais zombies, entre outros, foron os disfraces estrela.

Ademais dos percorridos, que foron un verdadeiro éxito, tamén triunfou a animación por parte das batucadas e os bailes duns xigantes que asustaban a quen pasaba ao seu lado. Tamén unha nena do exorcista causou impacto entre os asistentes, que non dubidaron en fotografiarse con ela.

Pontevedra

A Noite dos Calacús volveu á Praza da Ferrería de Pontevedra. RAFA FARIÑA
A Noite dos Calacús volveu á Praza da Ferrería de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Os calacús máis terroríficos e horripilantes foron os protagonistas de este luns en Pontevedra. A Praza da Ferraría converteuse unha vez máis no escenario da xa tradicional Noite dos Calacús, na que se reuniron ducias de rapaces para dar renda solta a súa creatividade. Os disfraces de medo non fallaron nesta cita que busca manter a tradición de crear cabazas, ás que os nenos colocaron unha candea dentro para facelas semellar aínda máis terroríficas.

Xa durante a noite, foron moitos os locais de hostalería da cidade que recuperaron as súas tradicionais festas de Halloween, destinadas a un público máis adulto.

Poio

A Praza da Granxa de Campelo foi o escenario dos sustos en Poio. DAVID FREIRE
A Praza da Granxa de Campelo foi o escenario dos sustos en Poio. DAVID FREIRE

O municipio poiense tamén celebrou este luns o seu segundo día do Samaín 2022. A Praza da Granxa de Campelo encheuse de xente dende primera hora gracias a Brais das Hortas e os seus contos para caghar patatillas. Na carpa instalada no lugar, desenvolvéronse un gran número de actividades, que foron desde obradoiros de maquillaxe e decoración de cabazas ata o Certame de Chulas de Cabaza, que gañou Fernando González. A segunda praza do concurso foi para María Blanca A Rianxeira, e a terceira, para Libania Pintos.

O Concello entregou tamén este luns os premios aos gañadores dos diferentes certames. No de decoración, a casa de José Arís levou o premio á fachada máis terrorífica, mentres que a mellor escenificación foi para Congostra Regueiriño (Mercedes Abilleira e María del Mar Barreiro). O de mellor decoración foi para o Bar Rampla (Remedios Balea)

No certame de relatos os gañadores foros Alma Medrano (categoría A de 11 a 16 anos); Luís Fontán (categoría B de 17 a 25 anos) e Eilún del Pazo (categoría C maiores de 25 anos).

O Salnés

Portonovo celebra o día grande do Samaín. JOSÉ LUIS OUBIÑA
Portonovo celebra o día grande do Samaín. JOSÉ LUIS OUBIÑA

A Asociación da Rúa dos Viño de Portonovo conseguiu recuperar a súa cita máis sinalada no calendario outonal despois de dous anos de pandemia. Os obradoiros, os disfraces de medo e ata unha exposición de cabazas foron onte os protagonistas do Samaín de Sanxenxo, no que ademais a decoración volveu converter a rúa nun parque temático para a catrivada.

Pola súa banda, a praza da Peixería de Vilagarcía encheuse de nenos e nenas cos seus respectivos disfraces. A actividade votou a andar as 17.00 horas con música a cargo dun DJ que amenizou, dinamizou e deu a benvida ás familias que se achegaron ao lugar, e que contou con moita interación entre os participantes a través de diversos bailes e xogos. A cita tivo como protagonista e condutor do bloque central da programación ao grupo de música Dani Barreirob & Kids, quen presentou o espectáculo Samaín infantil. Tamén houbo karaoke, playback e coreografías improvisadas polos participantes. Durante toda a tarde estivo en funcionamento un pintacaras.

En Vilagarcía houbo diversión toda a tarde. JOSÉ LUIS OUBIÑA
En Vilagarcía houbo diversión toda a tarde. JOSÉ LUIS OUBIÑA

Comentarios