Pontevedra convértese nunha sala de cine a partir do próximo martes

Novos Cinemas celebra a súa cuarta edición con nove filmes competindo na sección oficial
Oganizadores do festival e representantes de institucións. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Oganizadores do festival e representantes de institucións. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Proxeccións de longametraxes inéditas en Galicia, obradoiros para escolares, encontros profesionais do sector audiovisual música e ata premios para os filmes que compitan nas dúas seccións de Novos Cinemas. A cuarta edición do festival encherá de cine a Boa Vila dende o vindeiro martes ata o domingo, 15 de decembro.

A cita inaugurarase con cine galego, coa proxección de 'Arima', de Jaione Camborda. Do mesmo xeito, unha película galega pechará o festival, 'Longa Noite', de Eloy Enciso. Ademais, poderanse ver as primeiras imaxes de 'Eles transportan a morte', de Helena Girón e Samuel Delgado. Por outra parte, o evento trae como convidado ao cineasta belga Bas Devos, que estará presente durante o certame para presentar as proxeccións dos seus filmes ao público. O programa de proxeccións repasará a súa obra completa.

A Sección Oficial da cuarta edición de Novos Cinemas presenta un dos seus programas máis heteroxéneos. Nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas en Galicia, que permiten cartografar un singular mapa en torno ao cine contemporáneo máis creativo. Entre os filmes que competirán atópase 'Lost Holyday', de Michael Mattews; 'Bait', de Mark Jenkin, ou 'Giraffe', de Anna Sofie Hartmann.

Proxectaranse nove longametraxes practicamente inéditas en Galicia

Na categoría Latexos, que busca remover na conciencia do espectador e promover a reflexión, compiten cinco películas de cineastas como Ione Atenea, Eloísa Solaas ou Jorge Suárez. Haberá tres xurados, un para cada categoría e, un terceiro formado por público novo que outorgará o premio Xurado Novo. Tamén o público outorga un galardón. Ademais das proxeccións dos filmes que compiten nas diferentes seccións, o festival acollerá tamén o pase de 'Wanda', de Barbara Loden, comentada polo teórico e programador Manuel Asín. Trátase da única película dirixida pola actriz e forma parte da sección Por primeira ou última vez.

Os nenos e nenas terán tamén un espazo no festival. Novos Cinemas leva a cabo obradoiros e visitas formativas a centros durante todo o ano. Ademais, durante a celebración desta edición do festival convidará aos máis pequenos a participar no mesmo a través dun taller de creación de GIFs animados ou na xa tradicional proxección dominical para celebrar o vinte aniversario dunha das películas de animación máis relevantes da última década do século pasado, 'O xigante de ferro'.

Os profesionais do sector audiovisual contarán con mesas redondas, espazos de encontros e presentacións. Deste xeito, presentaranse algúns dos programas de desenvolvemento de longametraxes dirixidos a autores noveis máis interesantes do panorama independente nacional e, noutro dos encontros, representantes de tres festivais compartirán as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas educativos e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo.

Novos Cinemas servirá tamén para a presentación de Cinegalicia 2019, con motivo do 30 aniversario dos filmes 'Sempre Xonxa', 'Continental' e 'Urxa'. No proxecto, un grupo de profesionais de diferentes sectores da creación celebrará a efeméride de maneira desprexuizada e heterodoxa, O festival traerá tamén concertos e vermús temáticos.