sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Pontevedra convida a Mozambique a participar no Salón do Libro

A técnica mozambiqueña Elisa Sande (centro), durante unha reunión no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A técnica mozambiqueña Elisa Sande (centro), durante unha reunión no Concello. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha técnica da Asociación Nacional de Municipios do país africano visitou onte a cidade para coñecer as iniciativas urbanas dirixidas aos nenos, como os Camiños Escolares

O Concello quere que Mozambique participe na vindeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebrará en Pontevedra entre o 22 de marzo e o 12 de abril de 2019. A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, vén de convidar ao país africano a este evento, que estará adicado á revolución e no que se lle dará voz á literatura lusófona. "Estamos preparando a axenda porque temos a intención de contar con autores e autoras mozambicanos", sinalou.

O convite de Pontevedra a Mozambique prodúcese como consecuencia da visita dunha técnica da Asociación Nacional de Municipios deste país. Elsa Dimande achegouse á capital provincial para coñecer os distintos avances do modelo urbano, que estes días volve estar de actualidade tralo artigo publicado polo diario británico The Guardian, onde se pubilicita que a Boa Vila é "un paraíso" e no que se explica como o proceso de peonalización lle foi dando máis protagonismo aos viandantes e menos aos condutores de vehículos privados.

A traballadora social mozambicana, que está en Galicia da man do Fondo Galego de Cooperación, interesouse polas iniciativas que afectan de cheo aos nenos. O seu interese centrouse, sobre todo, nas políticas de mobilidade e urbanísticas que se están a desenvolver en Pontevedra en favor da infancia. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro, lembroulle algúns dos proxectos en marcha, como os Camiños Escolares: itinerarios peonís seguros para que os nenos poidan ir camiñando sós ao colexio.

Dimande mantivo tamén unha reunión co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, que lle explicou que nos máis pequenos tamén participan no deseño da mobilidade na cidade. Exemplo disto é o boceto que unha alumna de 5º de Primaria do colexio de Barcelos fixo en 2016 para redeseñar a praza que está pegada ao seu centro de ensinanza. Aquela proposta foi o xerme da reforma de Barcelos, que foi peonalizada de forma parcial.

MAPUTO. A viaxe da representante da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique ten como obxectivo estudar as distintas propostas e proxectos que poidan ser exportados a Maputo, a capital do país, en termos de mobilidade, urbanismo e actuacións en favor da infancia.

Dimande é a segunda persoa do continente africano interesada no modelo de Pontevedra que é recibida polo Concello. Meses atrás estivo na capital das Rías Baixas unha delegación de Angola.

Pontevedra convida a Mozambique a participar no Salón do Libro
Comentarios
ç