domingo. 19.01.2020 |
El tiempo
domingo. 19.01.2020
El tiempo

FORO DE PONTEVEDRA DE 1169

Pontevedra cumpre 850 anos como cidade

Vista da cidade por Pierre María Baldi (1669). ARQUIVO DO MUSEO DE PONTEVEDRA
Vista da cidade por Pierre María Baldi (1669). ARQUIVO DO MUSEO DE PONTEVEDRA
En decembro de 1169 ‘Ponte Veteri’ botaba a andar como cidade en virtude dun documento asinado polo rei Fernando II que liberaba aos seus habitantes dunha serie de cargas señoriais e feudais. Hoxe é tempo de recordalo

Foi xusto hai 850 anos cando "don Fernando, pola graza de Deus Rei das Hespañas", xunto coa súa esposa dona Urraca, firmaba un escrito "con valor a perpetuidade" que liberaba e absolvía "a todos os habitantes de Ponte Veteri, tanto presentes como futuros", dunha serie de obrigas feudais e de vasalaxe.

Esas exencións permitirían o despegue económico de Pontevedra, que daba daquela os seus primeiros pasos como cidade. Non en van, o foro que o "ilustrísimo" don Fernando, rei de León, Estremadura, Galiza e Asturias, firmou en Ciudad Rodrigo está considerado polos historiadores como a ‘acta fundacional’ da cidade.

O Foro de 1169 está considerado polos historiadores a ‘acta fundacional’ da cidade

Así, este documento xurídico permitiu a transformación de Pontevedra grazas ao desenvolvemento de actividades marítimas e comerciais vencelladas á Moureira e á restauración de camiños e pontes. De feito, as primeiras referencias á ponte do Burgo datan do ano 1165. Esta etapa de esplendor iniciada en 1161 alcanza o seu momento máis álxido en 1467, cando o rei Henrique IV lle concede a Pontevedra o privilexio de celebrar un mercado libre de impostos dun mes de duración.

Polo tanto, a Pontevedra de hoxe non se pode entender sen ese documento asinado en 1169, do que só se conserva a confirmación outorgada polo rei Afonso X O Sabio, bisneto de Fernando II, en 1264. É este último documento o que se garda no Arquivo do Museo de Pontevedra desde 1929, ano no que foi depositado polo Concello.

Só se conserva  a confirmación do documento que fai en Sevilla en 1264 o rei Alfonso X

Para non deixar pasar por alto o 850 aniversario, o Concello está a poñer en marcha unha serie de iniciativas, entre as que destaca a publicación do libro ‘Estudos sobre o foro de Pontevedra: 1169’. No traballo, coordinado por Xosé Abilleira Sanmartín, participan unha ducia de expertos (Ricardo Pichel, filólogo; Marina Aurora Garzón Fernández, experta en Historia da Arte; Ana Acuña, filóloga; Mercedes López- Mallán, profesora de Historia da Arte; Anselmo López Carreira e Francisco Calo Lourido, ambos catedráticos de Xeografía e Historia; Francisco Rodríguez, autor de obras vencelladas ao Medievo; Cilia Torna; Silvia Cernadas Martínez; Lago Villaverde e Miguel García Fernández).

O resultado é un volume dunhas 80 páxinas que recollen o propio concepto de foro, analizan o reinado de Fernando II, tratan a fronteira entre Galicia e Portugal e o inicio da cidade portuaria de Pontevedra e destacan a importancia do idioma ou o protagonismo da raíña Urraca.

Dous deses expertos, o propio Xosé Abilleira Sanmartín e Mercedes López-Mayán, explican hoxe nestas páxinas a importancia e o valor do Foro de Pontevedra. Ademais, o historiador Xosé Fortes analiza outras 25 datas que, xunto coa de 1169, marcaron a historia de Pontevedra.

Pontevedra cumpre 850 anos como cidade
Comentarios