Pontevedra dálle o 'si, quero' a unha nova edición do salón nupcial De Voda con Nerea

O 'wedding showroom' impulsado pola Concellería de Promoción Económica abrirá as súas portas no Recinto Feiral con 40 expositores durante os días 28 e 29 de xaneiro
Yoya Blanco na anterior edición do salón De Voda con Nerea. RAFA FARIÑA
photo_camera Yoya Blanco na anterior edición do salón De Voda con Nerea. RAFA FARIÑA

Pontevedra volverá vestir de branco e poñerse ante o altar do sector nupcial coa celebración dunha nova edición do salón De Voda con Nerea, impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa firma de La Boda de Nerea. O wedding showroom abrirá as súas portas ao público no Recinto Feiral entre os días 28 e 29, en especial a aquelas parellas que teñen previsto organizar o seu enlace matrimonial a curto ou medio prazo, despregando unha proposta na que 40 expositores achegarán de xeito directo a "maior oferta comercial de servizos e produtos existentes" neste ámbito e que terá como atractivos un espectáculo performance; os agardados desfiles de noiva, madriña, convidada e comuñón; almorzos profesionais e sorteos con premios como un vale de 1.000 euros entre tódalas parellas que contraten cando menos a tres provedores da feira, un cartel de benvida ou seating plan ou un ramo de noiva.

O salón permitirá que os expositores entren en contacto directo con potenciais clientes, amosando os seus produtos e servizos e diferenciándose do resto, e que os noivos accedan a provedores cualificados nun mesmo espazo, aforrando tempo e enerxía á hora de organizar a súa cerimonia. Tal e como subliña a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "este evento feiral supón unha oportunidade para atopar novos clientes e de xerar contactos, xa que na súa axenda tamén se inclúen almorzos profesionais nunhas zonas especificamente habilitadas para potenciar as conexións entre todos".

"Na zona na que se instalará a pasarela -avanza a edil do PSOE- tamén se impartirán charlas empresariais, con proxección de imaxes, enfocadas no e-mail márketing e a dixitalización e diversificación de negocio. Estarán abertas, baixo inscrición previa, a todos aqueles que desexen participar, tanto asistentes ao evento como a provedores", explica Blanco.

Noivos xigantes, desfiles e performance de Eva Lede

Segundo sinala a concelleira socialista, "uns noivos xigantóns encargaranse de darlle a benvida ao público en diferentes franxas horarias", mentres que "tanto o sábado 28 como o domingo 29 celebraranse desfiles polas mañás, ás 12:00 e ás 13:00 horas, e polas tardes, ás 17:00, 18:00 e 19:00 horas". "Nos de nenos exhibiranse marcas como Badum Badero, Trasniños e Olga Modas e nos de noiva, madriña e convidada, firmas como Rosa Clará, Olga Modas e Núa Nú", apunta Blanco.

Como aconteceu na pasada edición, tampouco faltarán os espectáculos, nesta ocasión da man da bailarina profesional Eva Lede. A súa performance poderá desfrutarse o sábado e o domingo ás 16:30 horas.

Unha das novidades deste salón De Voda con Nerea será a celebración de sorteos, con agasallos como un vale de 1.000 euros entre tódalas parellas que contraten cun mínimo de tres provedores con stand na feira; un cartel de benvida ou seating plan; a asesoría personalizada da firma El Consejo de Silvia, e un ramo de noiva.

As instalacións do Recinto Feiral permanecerán abertas ao público en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas, cunha oferta que abrangue tendas de moda nupcial, organizadores de eventos, axencias de viaxes, perruquerías, cátering, fotografía ou firmas especializadas en audiovisual, animación e maquillaxe.

Xa confirmaron a súa presenza os seguintes expositores: 

1. Jose Mosquera Visualgal
2. Visual PC Studio
3. Pixelecer Bodas
4. Son Events
5. Eventualive 
6. Eventualive Kids
7. Farley Events
8. Viaja con Josiño
9. Núa Nú
10. Olga Modas
11. Trasniños
12. Badum Badero
13. Bambú Floristería
14. Salitre & Papel
15. Merypuch complementos y tocados 
16. Miss Majorita Eventos
17. Finca Batacos
18. Ice Tattoo
19. Rainbow
20. MaderAlba
21. Boda en clásico 
22. Chassé Centro Artístico (Eva Lede)
23. Pamolita Eventos
24. Hotel Sena
25. Papeliños
26. Arax Gazzo
27. Xogando co Vento
28. Galca Eventos
29. Somos do Sol
30. Somos Enxebre
31. Lelé Eventos
32. Peluquería Eloísa
33. Betty Peluquerías
34. Loaira Space
35. Laura Sande Salón de Belleza 
36. Peluquería Innovat
37. El Consejo de Silvia 
38. Ramón Joyeros
39. XQuatro Espectáculos
40. The Make Up Studio

Yoya Blanco asegura que "deixamos atrás os anos de pandemia, nos que fomos quen de celebrar este salón nun formato en streaming desde a Finca Batacos (en 2021), e a verdade é que a xente está a casar máis que nunca", polo que "o éxito deste salón está máis que garantido".
 

Comentarios