Pontevedra dará a coñecer espazos descoñecidos da cidade na Semana do Patrimonio Invisible

O convento de Santa Clara, o colexio Sagrado Corazón de Placeres, o cemiterio de Santo Amaro, o pazo de Mugartegui e Villa Pilar serán visitables en grupos de 15 persoas
Convento de Santa Clara
photo_camera Convento de Santa Clara

A vindeira semana o Concello de Pontevedra porá en marcha unha iniciativa que permitirá acceder ao interior de espazos históricos que habitualmente permanecen pechados ao público ou que soen pasar desapercibidos. A Semana do Patrimonio Invisible trátase dun programa posto en marcha pola concellaría de Patrimonio Histórico a través do cal se pretende achegar o valor do patrimonio cultural á veciñanza da man de guías especializados.

"Normalmente o que non se coñece non se valora e a intención deste programa é por en valor o patrimonio da cidade que permanece oculto a maior parte do ano" asegurou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, durante a presentación do programa, na que estivo acompañado por César Abella, da empresa de xestión cultural Trivium. Moreda explicou que nesta primeira edición se escolleron 5 espazos que ou ben responden á característica de permanecer pechados, ou que aínda sendo visitables teñen zonas descoñecidas para a maioría do público. Así, entre os días 16 e 18 de xullo organízanse un total de 18 visitas a 5 espazos escollidos: o convento de Santa Clara, o colexio Sagrado Corazón de Placeres, o cemiterio de Santo Amaro, o pazo de Mugartegui e Villa Pilar.

En cada visita admitirase un máximo de 15 persoas e para asistir é necesario inscribirse previamente a través da páxina web www.patrimonioinvisible.gal. O prazo de inscrición ábrese este venres ás 9.00 horas e cada solicitante poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas.

César Abella explicou que as visitas serán guiadas por persoal especializado que darán a coñecer estes espazos con rigor histórico, abordando cuestións relacionadas coa arquitectura e a súa historia particular, como o tipo de construción ao que responden ou mesmo as familias que os habitaron en diferentes épocas.

Comentarios