"Pontevedra debe ser unha cidade posindustrial, co foco na innovación e no talento"

Lores reivindica a creación de vilas máis sostibles e modernas na xornada que o Clúster do Ecommerce Galego celebrou en Mugartegui
Lores, este xoves, na xornada sobre comercio electrónico celebrada no Pazo de Mugartegui. DAVID FREIRE
photo_camera Lores, este xoves, na xornada sobre comercio electrónico celebrada no Pazo de Mugartegui. DAVID FREIRE

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa edil Anabel Gulías, ofreceu este xoves un saúdo de benvida ao clúster do comercio electrónico, que viviu no Pazo de Mugartegui a súa primeira xornada de traballo como agrupación. O colectivo, de recente creación, decidiu fixar a súa sede en Pontevedra. Farao utilizando un local municipal nos Campos.

Baixo o nome Ecommerce Day, os presentes puideron tecer novos contactos e comprobar os primeiros pasos que dá este clúster, que terá a súa base de operacións en na parroquia de Mourente. O presidente do Clúster, Xosé Luis Reza, agradeceu ao Concello de Pontevedra o apoio amosado, e tamén sinalou como moi positiva a presenza do rexedor do BNG.

Lores ofreceu unhas palabras de benvida a todos os presentes, indicando o orgullo que xera a escolla da cidade como sede física e lembrou que o papel da Administración pontevedresa debe ser apoiar este tipo de proxectos na procura da creación de novas redes e tecidos comerciais, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas, tanto dos vendedores como dos compradores.

"Pontevedra debe ser unha cidade posindustrial, co foco posto na innovación e no talento das persoas", sinalou o líder nacionalista. "Coido que seguimos os pasos de moitas outras cidades que xa deslocalizaron parte das súas industrias na procura de crear vilas máis modernas e sostíbeis, mellores. É preciso ver Pontevedra como unha cidade 4.0, con piares como as novas tecnoloxías e a creatividade", recalcou.

Comentarios