martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Pontevedra déixase seducir polos 'cantos'

A galega Laura Lamontagne. DAVID FREIRE
A galega Laura Lamontagne. DAVID FREIRE
Éxito de afluencia e crítica na primeira xornada do festival 'Cantos na Maré'

En Pontevedra os cantos que seducen á cidade non son de serea, son da maré. A XV edición do festival que dirixe Uxía, marcada pola presenza feminina, deu comezo onte e prolongarase ata mañá por distintos espazos da cidade. Os protagonistas do primeiro día de Cantos na Maré foron os sons máis urbanos da programación, que subiron ao escenario Fest, que a Xunta de Galicia instalou na Praza da Pedreira.

A galega Laura Lamontagne, a brasileira Bia Ferreira e a arxentina Vivi Pozzebón foron algunhas das artistas que actuaron dende as 19.00 horas e ata a madrugada. Tamén estivo o mozambicano Mohammed Yahyam, acompañado polo galego DJ Mil. Pero a primeira xornada do festival transcorreu, como fará o resto, por outros espazos de Pontevedra. "Cantos na Maré medrou e acabou invadindo a cidade", explicaba hai uns días o director do evento, Fran Rivera. "A propia cidade é un escenario máis do festival".

A Libraría Paz foi a encargada de acoller a actividade inaugural, a presentación do libro 'Sindo de Olelas', de Xurxo Souto. O artista estivo acompañado por Alfonso Pato (Festival de Cans). Esta actividade tivo lugar ao mediodía. Xa pola tarde, as programación trasladouse ao Museo de Pontevedra, outro espazo que se incorporou o ano pasado ao festival e que este ano incrementou a súa participación.

No Sexto Edificio actuaron a contadora Vero Rilo e a intérprete vocal Faia Díaz (De Vacas). Presentaron o proxecto que manteñen xuntas, 'Apatacón', no que mesturan a habilidade para a narración da primeira co talento musical da segunda. Este sábado, no mesmo Sexto Edificio, hai un espectáculo familiar de Magín Blanco.

Ao remate, tivo lugar a primeira das proxeccións do ciclo 'Cinemaré', 'Ruth', de António Pinhao Botelho, que se estreaba deste xeito en Galicia. Trátase do debut na longametraxe do cineasta, que conta aquí a historia de Eusébio Ferreira da Silva, 'Eusébio', o futbolista portugués. O sábado pódese ver 'Onde estás Joao Gilberto'.

Pontevedra déixase seducir polos 'cantos'
Comentarios