Pontevedra denuncia o ataque letal contra dúas árbores da avenida de Bos Aires

Iván Puentes considera que se trata dun "ataque intencionado", pois os plátanos "foron secados mediante a inxección dun produto tóxico
As árbores, secas tras o incidente. CONCELLO
photo_camera As árbores, secas tras o incidente. CONCELLO

O Servizo Municipal de Medio Ambiente detectou "claros indicios de agresión" contra dúas árbores (plátanos) situadas na avenida de Bos Aires, nas inmediacións dun grupo de vivendas próximas á pasarela peonil sobre o Lérez.

Segundo indica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, "estas árbores atópanse xa practicamente secas e os nosos técnicos están estudando o estado de saúde doutros exemplares por se houbese outras afectadas".

Non obstante, para o edil socialista "parece claro que se trata dun ataque intencionado", posto que "os plátanos foron secados mediante a inxección dun produto tóxico e a ferida producida tapouse cunha ramiña para que pasara inadvertida, simulando así a morte natural do exemplar".

Danos nunha das árbores da avenida de Bos Aires. CONCELLO

Puentes asegura que o seu departamento trasladará estes indicios á Policía Local para que investigue "o que supón unha agresión contra o patrimonio vexetal municipal" e se localice "ao responsable ou responsables". "As árbores forman parte do noso patrimonio e ningún cidadán pode actuar de xeito incívico contra elas e tomarse a liberdade de agredilas e matalas en pleno espazo público sen afrontar as correspondentes consecuencias e sancións", sentenza.

En todo caso, Iván Puentes avanza a súa intención de "substituír por outros exemplares de gran porte os plátanos secos a causa da inxección de produtos tóxicos".

Comentarios