Pontevedra desprega na Praza de España a pancarta do 25N contra a violencia vicaria

Baixo o lema 'Vouche dar onde maís che doe', a lona penderá durante este mes no Consistorio
Os representantes políticos diante da pancarta. DP
photo_camera Os representantes políticos diante da pancarta. DP

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, presidiron esta mañá de mércores no balcón da Casa Consistorial o despregue da pancarta confeccionada polo Concello de Pontevedra e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Baixo o lema Vouche dar onde maís che doe, a lona que penderá durante este mes no Consistorio centra a súa contudente mensaxe na loita contra a violencia vicaria.

No acto tamén participaron a concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde; o voceiro do Grupo Municipal do PP, Rafael Domínguez; a concelleira popular Silvia Junco; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.

O manifesto que presidirá o acto institucional do 25 N será lido por unha filla dunha vítima de violencia de xénero, que tamén sufriu esta violencia vicaria

Na presentación dos actos do 25N, Yoya Blanco sinalou que "temos que loitar contra o terrorismo machista que nos mata a todas e aos nosos fillos". 

Ademais, organizarase unha charla aberta a toda a cidadanía, o 26 de novembro, no que se abordará esta problemática para "concienciar á sociedade sobre este ensañamento e coacción que se exerce contra as mulleres", segundo subliñou Blanco.

O manifesto que presidirá o acto institucional do 25 N, pola súa banda, será lido por unha filla dunha vítima de violencia de xénero, que tamén sufriu esta violencia vicaria.

A programación de Pontevedra para este Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller incluirá ademais as obras de teatro 2 Pilgrims (18 de novembro) e Invisibles (23 de novembro), ambas as da compañía Redrum Teatro.

Haberá ademais unha exposición fotográfica sobre o empoderamento e a autoestima das mulleres, un curso de autodefensa e a convocatoria dos premios Ernestina Otero, que busca integrar a perspectiva de xénero en traballos universitarios.