Pontevedra énchese de Grans de Area

Os galardóns do COAG recoñecen dez proxectos da provincia, entre eles, dous da capital

A reforma dunha vivenda na cidade, realizada en 2001 por María Gracia Amandi e Jorge Uña, e o traballo feito no salón de peiteado Sonia Portela por Ana Monteagudo e Wenceslao López, veñen de facerse con premios Gran de Area, os galardóns que conceden anualmente as delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Da ducia de recoñecementos que se outorgaron, dez quedan na provincia de Pontevedra.

Ademais dos traballos da capital foron galardoados o edificio de oficinas Exbalesa de Valga (Alberto Quintáns e Cristina Margarita Ansede); a Escola Infantil A Baiuca da Estrada (Elizabeth Abalo, Gonzalo Alonso e Francisco González); a rehabilitación do antigo Hospital Espíritu Sancti en Baiona (Clara Murado e Juan Elvira), e unha nave industrial en Montes da Barxa, en Nigrán (Leopoldo Alonso e Lamberti Casuso).

Asemade, foron recoñecidas catro obras en Vigo: a rehabilitación parcial dunhas vivendas (feita por Francisco Javier Vázquez e Perfecto Cendón); a Taberna Morrofino (Iago Fernández e Óscar Fuertes); a rehabilitación de Casa Oliveira (María González e Jordi Castro) e o acondicionamento dunha nave para oficinas marítimo-pesqueiras (tamén de María González e Jordi Castro).

Na provincia de Ourense, fixéronse cun Gran de Area unha vivenda unifamiliar en Tibiás, Pereiro de Aguiar, (Rafael Castro e Sandra González), e a restauración da portada norte no cruceiro da Catedral (feita por Manuel Seoane e Sonia López).

ENTREGA EN VIGO. Segundo informou o COAG, o acto de entrega destes diplomas terá lugar no mes de novembro en Vigo e complementarase cun ciclo de conferencias abertas ao público.

Os Premios Gran de Area de Achegas á Arquitectura, que celebran a súa a décimo oitava edición, "supoñen un recoñecemento ao traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios nas obras e proxectos de calidade desenvoltos nas demarcacións Pontevedra, Vigo e Ourense".

Segundo informou a organización do certame, este ano presentáronse 56 proxectos (32 na demarcación da delegación de Vigo, 12 na de Ourense e 12 na de Pontevedra) de moi diversas escalas e localizacións, "que denotan os diferentes e variados ámbitos nos que traballan os arquitectos, desde o paisaxismo á obra nova, pasando polo interiorismo ou a restauración de monumentos", indica o COAG.

O xurado estivo composto polos presidentes das delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense (Manuel Abelleira, Antonio Davila e Alberto de Paula); e un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa xunta directiva.

Algúns dos proxectos pontevedreses galardoados [Fotos: COAG]

Salón de peiteado Sonia Portela en Pontevedra

Salón de peiteado Sonia Portela en Pontevedra. COAG

Rehabilitación de vivenda en Pontevedra

Rehabilitación de vivenda en Pontevedra. COAG

Taberna Morrofino, en Vigo

Taberna Morrofino, en Vigo. COAG

Acondicionamento de nave para oficinas marítimas en Vigo

Acondicionamento de nave para oficinas marítimas en Vigo. COAG

Antigo Hospital Espíritu Sancti en Baiona

Antigo Hospital Espíritu Sancti en Baiona. COAG

Nave en Montes da Barxa en Nigrán

Nave en Montes da Barxa en Nigrán. COAG

Edificio de oficinas Exlabesa en Valga

Edificio de oficinas Exlabesa en Valga. COAG

Escola Infantil A Baiuca na Estrada

Escola Infantil A Baiuca na Estrada. COAG