Por sétimo ano, a cidade de Pontevedra volverá a se converter no epicentro do gourmet galego coa celebración da feira profesional Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora. Profesionais, produtores e consumidores daranse cita os días 11, 12 e 13 de novembro no Recinto Feiral da cidade do Lérez co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais, difundir a excelencia dos nosos produtos e saborear Galicia.
Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran o que comen.
A feira contará coa presenza de máis de oitenta produtores (25 dos cales participarán por primeira vez neste evento), escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a calidade dos seus produtos. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, xamóns, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas... e unha infinidade de delicias que farán gozar o padal.
Moitos destes produtos será posible degustalos tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada, na que destaca a presentación de 25 produtos novos.
A Tetería da Deputación de Pontevedra volverá para dar a coñecer a marca TéAreeiro, distintivo de calidade e de produto local co que a institución provincial impulsa a produción de té verde, obtido con brotes e follas de Camellia sinensis. No seu espazo desenvolverá, durante os tres días, diferentes sesións de degustación (cunha duración de 90 minutos). A participación é gratuíta pero require inscrición previa neste espazo, xa que as prazas son limitadas (20 persoas).
Tamén a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), da Xunta de Galicia, contará cun espazo propio onde se desenvolverán un programa de actividades que abranguerá presentacións de produtos dos seus operadores.
E para que as nais e pais poidan realizar tranquilamente as súas compras, este ano contarase, por vez primeira, cun servizo de gardería para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. A Pequenos Gourmets Ludoteca estará aberta o sábado 11, en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h, e o domingo 12, de 11.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h. A cativada pasará un rato divertido xogando e escoitando contacontos cunha ambientación dedicada á alimentación e á cociña en xeral.