Pontevedra, epicentro do gourmet galego

O Recinto Feiral acolle ata este luns a sétima edición do salón máis saboroso, escaparate do mellor produto da terra e do mellor facer dos produtores, que pon en valor o sector primario
As autoridades proban un petisco durante a visita aos stands o sábado. DAVID FREIRE
photo_camera As autoridades proban un petisco durante a visita aos stands o sábado. DAVID FREIRE

O epicentro do gourmet galego, o escaparate dos mellores sabores da terra, a mostra do bo facer dos produtores de todos os recunchos de Galicia... O Recinto Feiral de Pontevedra acolle ata este luns á o salón Etiqueta Negra, unha cita máis que consolidada na súa sétima edición e que durante toda a súa primeira xornada, sobre todo pola tarde, rexistrou unha grande asistencia.

Conta coa participación de máis de 80 produtores, que destacan pola singularidade e alta calidade dos seus produtos. Nos distintos stands pódense atopar viños, licores, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, xamóns, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas... e un sen fin de delicias para facer gozar aos padais máis esixentes.

Toda esta oferta para coñecer, probar e comprar, foi gabada polas autoridades durante a inauguración, na que tamén puxeron de relevo a importancia deste sector no crecemento económico e na posta en valor do sector primario.

Victoria Maseda, de Masseda Cátering de Origen, impartiu unha masterclass cunha cata especial de porco celta. DAVID FREIRE
Victoria Maseda, de Masseda Cátering de Origen, impartiu unha masterclass cunha cata especial de porco celta. DAVID FREIRE

No acto participou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo acompañado da concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos; o xerente da Mancomunidade do Salnés, Jose Ramón García Guinarte; o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo, ou Pedro López, representante do patrocinador principal, Hijos de Rivera, quen afirmou que esta era "una parada indispensable" que creaba "riqueza en el sector". Na posterior visita polos stands tamén participaron concelleiros do PSOE e o PP.

Lores mostrouse "orgulloso" de que Pontevedra "sexa durante estes tres días o centro do gourmet galego e que haxa 80 expositores que representan a potencia dun rural produtivo, da calidade excepcional dos produtos primarios, da innovación e do traballo". Auguroulle un "futuro explendoroso" á feira e destacou especialmente a xornada deste luns, "porque hai unha interrelación entre productores, expositores, tendas gourmet" e arredor de mil alumnos que estudan restauración en distintos puntos de Galicia. Ademais, anunciou que está prevista a reunión do Cluster da Alimentación de Galicia, "e esta relación vai a permitir que Etiqueta Negra siga crecendo". Así mesmo, o salón funciona como reclamo turístico de Pontevedra "e agardo que coñezan productos novos e que signifique pulo grande para o sector primario e a gastronomía deste país".

Gulías indicou que a feira é un exemplo de que "Galicia é capaz de comercializar" e quixo agradecer especialmente ás tres empresas locais implicadas na súa organización: Trisquelia, ERA comunicación e OVO comunicación.

Na feira houbo gran variedade de queixos. DAVID FREIRE
Na feira houbo gran variedade de queixos. DAVID FREIRE

Falando do alumnado do sector da restauración, o director do Carlos Oroza destacou que Etiqueta Negra "forma parte do noso plan de estudos" e que o showcooking con degustación previsto para este luns (11.30 horas, Anfiteatro 1906) estará dedicado ao centenario do poeta que lle dá nome ao centro educativo. "Será un percorrido pola súa obra e a súa vida, desde Nova York ao Caurel ou Vigo". O director de Agacal subliñou que a Xunta está presente neste evento gastronómico por primeira vez a través da Axencia, da man da marca Artesanía Alimentaria, unha nova figura de calidade diferenciada. En Etiqueta Negra darase a coñecer este distintivo e a importancia do produto alimentario artesán, dándolle un espazo a 18 artesáns para poñer en valor a súa actividade.

O vicepresidente da Deputación, pola súa banda, destacou a importancia de apoiar citas coma esta, "que dan visibilidade aos grandes produtos e a todo o que ten que ofrecer a nosa provincia. Son, en definitiva, eventos que fan que Pontevedra, a mellor cidade do mundo, vaia a máis". Ademais, animou a toda a cidadanía a achegarse ao Recinto Feiral "para sentir no padal o verdadeiro sabor da provinciaa" e convidou a desfrutar do TéAreeiro, unha marca coa que a Deputación busca "converterse nunha referencia na produción de té para a que a xente poida desfrutar dunha bebida como esta producida ao cen por cento aquí" e que estará presente no stand da institución en Etiqueta Negra.

As catas, os showcookings ou as degustacións foron protagonistas da xornada. DAVID FREIRE
As catas, os showcookings ou as degustacións foron protagonistas da xornada. DAVID FREIRE

Finalmente, o xerente da Mancomunidade do Salnés fixo fincapé na importancia do networking, pois os produtores "son aliados, non competidores", ao máis puro estilo dos estorniños, "uns paxaros pequeniños que cando voan en bandada chegan a dar medo". Por iso este salón é a oportunidade perfecta para facer contactos e facer crecer as respectivas empresas.