Pontevedra está para comela

Máis de 8.000 persoas pasaron estes días pola feira do gourmet galego Etiqueta Negra, na que o CIFP Carlos Oroza ofreceu este luns un showcooking coa Boa Vila como protagonista
O Recinto, ateigado de xente. GONZALO GARCÍA - Etiqueta Negra
photo_camera O Recinto, ateigado de xente. GONZALO GARCÍA

Un paseo gastronómico por Pontevedra. Iso foi o que ofreceu o CIFP Carlos Oroza, un protagonista indiscutible do salón do gourmet galego Etiqueta Negra, polo que nesta edición, a cuarta, pasaron 8.124 persoas, segundo datos da organización.

Desde o pasado sábado, tanto profesionais do sector como público gourmet, pasaron polo Recinto Feiral pontevedrés para gozar dos produtos dos 109 expositores presentes e aprendendo da cociña en directo de grandes chefs de recoñecido prestixio como Pepe Solla, Iñaki Bretal, Yolanda León, Juanjo Pérez, Iván Domínguez, Manu Núñez, Daniel Guzmán ou Julio Soutomayor.

Showcooking do Carlos Oroza. GONZALO GARCÍA - Etiqueta Negra

No Anfiteatro Estrella Galicia celebráronse 14 showcookings, entre eles o da escola de hostalería, que ten por lema aprender facendo fóra das aulas. Nel participaron alumnado dos ciclos de Cociña, Servizos e Panadería, ademais do de Guía, que conduciu o acto, capitaneados polos docentes Paco Moreno, Carlos Rodríguez, Manuel Patiño, Eva Lage e Tina Otero. "A Boa Vila fala a través do pan, do viño, das conservas e das hortalizas", estas últimas procedentes da horta do Oroza. "Degustaremos a tradición e saborearemos o futuro", prometeron.

E fixérono. Un cento de persoas, entre elas alumnado do propio centro e do CIFP Manuel Antonio de Vigo, degustaron un cóctel biogreen a base de grelo con froita e leite de noz; uns minipanciños de espelta bio con tomate confitado, aceite de oliva e herbas aromáticas; un mosto de uva loureira con zumo de mazá, sidra galega ecolóxica e puré de mirabel; e unha sardiña en salmoira macerada en pan de olivas con puré de cachelo, loureiro e aceite de oliva, pemento vermello con allo e cebola.

Showcooking do Carlos Oroza. GONZALO GARCÍA - Etiqueta Negra (2)

E, como sobremesa para completar esta colección de petiscos, un chocolate quentiño con pastas de té elaboradas con camelia chojiguruma. As presentacións das receitas foron acompañadas de fotografías antigas e vídeos actuais de espazos clave da Boa Vila, como as prazas da Pedreira e o Teucro, ou o Mercado de Abastos, así como dunha explicación didáctica sobre os pratos en cuestión. Mentres, o groso dos compañeiros ultimaba a elaboración dos 400 petiscos.

Salón de té da Deputación. GONZALO GARCÍA - Etiqueta Negra

UN 10% MÁIS GRANDE. Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, a cuarta edición de Etiqueta Negra acolleu na Zona de Catas, na Viñoteca e no Espazo Etiqueta -espazos destacados da feira- 73 actividades, entre talleres, cursos, demostracións e degustacións que rexistraron unha capacidade completa na meirande parte das quendas. A xornada do luns estivo marcada pola presenza de profesionais, así como de máis de 900 estudantes de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición e cociña procedentes, ademais da cidade de Pontevedra, de lugares de toda Galicia.

Por otra banda, expositores e distribuidores mantiveron intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que se celebraron preto dun centenar de reunións de traballo. Esta zona cedeuse aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

Así mesmo, os expositores deron a coñecer e venderon os seus produtos nunha superficie feiral que creceu un 10% con respecto á anterior edición.

Comentarios