Pontevedra estrea o quilómetro cero dos seus roteiros

O fito está situado diante das Ruínas de Santo Domingo e conta cun código QR que ofrece información detallada dos espazos naturais
Blanco e Puentes, no kilómetro 0. EP
photo_camera Blanco e Puentes, no kilómetro 0. EP

Un sinal de cor vermella e catro metros de altura sinala desde este martes na Praza de España o km 0 dende o que nacen os principais roteiros turísticos, naturais e históricos que se poden realizar no concello de Pontevedra e na comarca.

O fito, inaugurado polos promotores da idea, os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes, foi instalado fronte as Ruínas de Santo Domingo, ao lado dos sinais turísticos xa existentes, e conta cun código QR que enlaza coa web da Concellería de Desenvolvemento Sostible e ofrece información detallada de todos os espazos referenciados no mesmo. Inclúese a súa xeolocalización, extensión, grao de dificultade e o mapa da ruta.

O monólito foi deseñado co obxectivo de marcar o punto de partida dos diversos percorridos e poñer en valor a súa riqueza natural, histórica e patrimonial, desde a Alameda e As Palmeiras, o barrio da Moureira, a Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas, o río dos Gafos, o centro histórico, a ría de Pontevedra, o Lérez ou os roteiros Castelao, Sarmiento, Pintos e Bolechas ata o Camiño Portugués, o Pazo de Lourizán, O Pontillón do Castro, a enseada de San Simón, Santa María de Xeve, Ponte Sampaio, os ríos Verdugo e Almofrei, As Mouras (Salcedo) ou a Serra da Fracha.

Puentes sinalou que "foi concibido como un fito de alta visibilidade, que mide 3 metros de alto e que vai elevado outro metro do chan, e cuxa superficie é de cor vermella, o que o converte nun punto de referencia de doada localización para as persoas que participen nos roteiros”.

Aínda que a súa forma está inspirada nas iconas de localización dos mapas electrónicos, estilizouse ao máximo a tradicional bágoa invertida para que o monólito gañase prominencia visual e elegancia e, ao mesmo tempo, non molestase neste espazo de elevado tránsito de turismo urbano que é a Praza de España.

Yoya Blanco, pola súa banda, salientou “a incomparable beleza dos recursos naturais do municipio e do seu contorno”, que ademais de estar recollidos neste kilómetro 0 da rede de rutas turísticas, tamén foron compilados polo seu departamento na guía de roteiros por espazos verdes, parques e xardíns urbanos Pontevedra Verde. A través desta guía de 16 páxinas, dispoñible para libre descarga en formato pdf compatible para dispositivos móbiles no apartado de folletos e guías da web de Turismo de Pontevedra (reservas.visitpontevedra.com), os visitantes poden obter información dos espazos naturais de Interese Local (Enil) da Xunqueira de Alba e do río dos Gafos, as zonas de Especial Conservación (ZEC) do río Lérez e da enseada de San Simón, a Illa das Esculturas, a ría de Pontevedra, o parque forestal e deportivo do Pontillón do Castro ou o Xardín Botánico de Lourizán.