viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Pontevedra estrea unha nova horta comunitaria con 19 bancais en Ernesto Caballero

Iván Puentes, Agustín Fernández e Yota Blanco.DP
Iván Puentes, Tino Fernández e Yota Blanco.DP
A concellería de Desenvolvemento Sostible destinou máis de 30.000 euros para a súa creación

As hortas urbanas continúan a xerminar en Pontevedra. A Rúa Ernesto Caballero vén de estrear unha nova área de cultivo que suma 19 bancais municipais, o cal supón dous máis dos 17 previstos no proxecto, aos 37 xestionados polo Concello en Conde de Bugallal, no barrio da Parda, e aos 22 no contorno do Mirador, en Monte Porreiro.

Todo estes espazos están xa asignados e os adxudicatarios da explotación das parcelas, acondicionadas pola empresa de inserción laboral Feito Pontevedra, xa dispoñen das chaves para comezar a traballalas e desfrutar de produtos kilómetro 0 cultivados por eles mesmos.

A creación desta nova horta urbana, situada entre Ernesto Caballero e as vías do ferrocarril, foi posible grazas a unha acción da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que contou dun investimento de máis de 30.000 euros, que permitiu estes 19 bancais de 14 metros cadrados, dispostos con achegas de terra vexetal e compost.

O proxecto incluíu a colocación dun peche perimetral de dous metros de altura cun portón de acceso pechado con chave (só os usuarios dispoñen de acceso), unha billa e un sistema automatizado de rego por goteo cun programador.

Ata o verxel comunitario desprazáronse esta mañá o tenente de alcalde, Tino Fernández; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, quenes supervisaron o remate do proxecto e comprobaron en primeira persoa como empezan xa a agromar as primeiras plantacións.

Tino Fernández sinalou que "a nova horta ecolóxica quedou acondicionada con todos os elementos necesarios para a súa explotación, contando incluso cun composteiro para o tratamento dos residuos agrícolas que permite completar o ciclo da materia orgánica dentro da propia finca". "É unha ledicia poder verificar o crecemento deste tipo de hortas e, sobre todo, a crecente demanda dun servizo que permite cultivar hortalizas frescas sen saír da cidade", sinalou o socialista.

Iván Puentes salientou que, dado que a finca carecía de auga, os traballos tamén contemplaron a execución dunha acometida desde a rúa Ernesto Caballero por parte da concesionaria Viaqua. Segundo explicou, "as obras incluíron a achega de material para acadar un solo o máis plano posible, a adecuación de zonas comúns e de paso mediante un aporte de zahorra e a compactación do pavimento das mesmas, a subministración dunha serie de ferramentas de uso agrícola para o emprego comunitario dos usuarios e a colocación dunha caseta para gardar o material de traballo e dun cartel coas normas de utilización dos bancais".

"As concesións outorgáronse por orde da lista de agarda e a explotación da horta desenvolverase ao longo de todo o ano, coa realización de diferentes cultivos, tanto de inverno como de primavera/verán. A nosa intención é que, ao igual que aconteceu cos bancais do Mirador de Monte Porreiro e a Finca de Conde de Bugallal, as dinámicas de xestión dos bancais poidan complementarse con talleres e charlas formativas", avanzou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

Pontevedra estrea unha nova horta comunitaria con 19 bancais en...
Comentarios
ç